Un imposto especial á caza, a nova proposta dos animalistas

Suxiren o pagamento anual de 100 euros por cazador e 2.000 por coto de caza para obter fondos cos que "contrarrestar" o "impacto ambiental e animal" da práctica desta actividade

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber propuxeron este sábado o establecemento dun novo imposto especial á caza "para contrarrestar o seu terrible impacto sobre o medio natural e sobre os animais". Aseguran que poderían chegar a reunirse máis de catro millóns de euros cos que poñer en marcha, por exemplo, políticas de prevención contra o abandono animal

Tal como sinalaron ambas asociacións nun comunicado, cada ano vértense sobre os montes galegos "centos de miles de perdigóns de chumbo", un metal "altamente tóxico" que, segundo os animalistas, "contamina acuíferos, pastos e aos propios animais". Os colectivos animalistas xa teñen advertido noutras ocasións de que esta substancia ten consecuencias negativas sobre o medio e "chega a resistir á degradación durante centos de anos", ademais de que "pode ser inxerido" por diferentes animais.

Cazador Nun Camiño Público. ANGEL SANCHEZ C. - Arquivo
Cazador Nun Camiño Público. ANGEL SANCHEZ C. - Arquivo | Fonte: Europa Press

Xa que o uso desta munición de chumbo "tan só está prohibido en humidais", Libera e Franz Weber lamentan que o resto de espazos "están a mercé dos escopeteros". 

Do mesmo xeito, tamén alertan sobre os efectos prexudiciais para a saúde das persoas. "Este metal pesado é nocivo para as persoas que consomen carne de caza, tal e como sinalou de maneira recente a Axencia Europea de Sustancias e Mesturas Químicas", apuntou Libera.

Sendo así, estas asociacións animalistas propuxeron un pago de 100 euros ao ano por cada cazador e 2.000 euros por coto de caza,  taxas coas que esperan "obter fondos para combater este problema".

Segundo cálculos dos animalistas, poderíanse recadar catro millóns de euros "só coa taxa individual", unha contía que tamén serviría, ao seu parecer, para impulsar "políticas preventivas contra o abandono animal e o seu comercio irregular".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta