Unha comisión interdepartamental buscará sumar esforzos para a prevención do suicidio en Galicia

Os obxectivos son a investigación, o coñecemento e a mellora da atención a persoas con conduta suicida e aos seus achegados

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2019 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade creará unha comisión interdepartamental de coordinación para a prevención e a atención das condutas suicidas en Galicia entre os diferentes sectores implicados.

Segundo informa a Consellería a través dun comunicado, a Administración sanitaria regulará mediante un decreto a creación do devandito órgano, a súa composición, funcións e réxime de funcionamento. O novo organismo terá, entre outras funcións, a de supervisar a implantación do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, valorar a información sobre os indicadores das medidas estratéxicas do plan, a revisión periódica dos protocolos e as accións de coordinación desenvolvidas.

A Xunta destaca que o plan busca reducir a taxa de suicidio e establecer mecanismos de coordinación para posibilitar que diferentes organismos poidan sumar os seus esforzos para traballar de forma conxunta na prevención, manexo, intervención e acompañamento das persoas que leven a cabo un intento de suicidio, así como aos seus familiares.

O plan tamén busca a investigación, o coñecemento e mellorar a atención que a Administración sanitaria lles presta tanto ás persoas que presentan conduta suicida como aos seus achegados.

Con esta actuación, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña "reafirma o seu compromiso en relación ao problema do suicidio como unha prioridade na axenda de atención á saúde mental". O obxectivo é dar unha resposta integral das institucións de cara á prevención e conseguir que a mesma sexa unha prioridade multisectorial que integre a todos os axentes implicados.

ATENCIÓN DESDE DIVERSOS ÁMBITOS

Sanidade subliña que o problema da conduta suicida require para a súa correcta abordaxe a atención desde diversos ámbitos como o sanitario, o social e o educativo, entre outros. Por iso destacan a necesidade dunha "correcta colaboración e coordinación" entre as distintas institucións implicadas.

A comisión interdepartamental que se pretende crear estará composta por unha presidencia, da que se ocupará a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria; unha vicepresidencia, que rexentará a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, e unha secretaría, que ocupará un funcionario do servizo de Saúde Mental e Drogodependencias.

A Consellería tamén contempla 12 portavocías que ocuparán representantes das consellerías de Xustiza, Educación e Política Social, da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Medicamento Legal de Galicia (Imelga), do 061, da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) e unha representación multidisciplinar dos profesionais do Sergas.

Jesús Vázquez Almuiña, titular da Consellería de Sanidade,  dende onde se impulsará a Comisión interdepartamental para a prevención do suicidio
Jesús Vázquez Almuiña, titular da Consellería de Sanidade, dende onde se impulsará a Comisión interdepartamental para a prevención do suicidio

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta