Dez presos de Monterroso recibirán formación en reparacións electrónicas para unha posible saída laboral

A xestión dunhas 1.000 toneladas de residuos de aparellos eléctricos podería crear uns 200 postos de traballo. Estímase que cada persoa xera 20 quilos de refugallo deste tipo cada ano

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2019 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda formará durante os próximos dous meses a unha decena de reclusos do centro penal de Monterroso (Lugo) co obxectivo de facilitarlles coñecementos teóricos e prácticos para a súa capacitación na reparación de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE).

Segundo informa a Consellería nun comunicado, trátase dunha experiencia piloto cunha orientación socio-laboral que se dirixe a colectivos en risco de exclusión que deste xeito "terán a oportunidade de acceder a 20 horas de formación en xestión de RAEE". O programa comezou esta semana e prolongarase ata comezos de abril.

Todos os participantes pertencen á Unidade Terapéutica e Educativa (UTE) de Monterroso, un módulo independente que integra nun espazo socieducativo e terapéutico a presos sometidos a un programa de drogodependencias.

Un dos "alicerces" desta iniciativa será colaborar na inserción socio-laboral destas persoas, que se atopan nunha "clara situación de vulnerabilidade social". Para iso implicaranse grupos específicos en proxectos de relevancia ambiental e do fomento da oportunidade para que os reclusos participantes poidan nun futuro presentar a súa candidatura a procesos selectivos.

Outro dos obxectivos do taller é concienciar os asistentes sobre a necesidade de "recuperar e reutilizar todos aqueles compoñentes de aparellos eléctricos e electrónicos refugados pero que poden ter unha nova vida. Deste xeito redúcese a cantidade de residuos industriais.

O programa está dividido en dúas partes: unha centrada na ofimática e outra segunda en electrodomésticos de medio e gran tamaño. Ademais, organízase en sesións semanais de dúas horas e media de duración e comézase impartindo os coñecementos relacionados con informática.

PLAN DE ACTIVIDADES NO MARCO DO PRIGA

Esta primeira acción piloto, á que se lle pretende dar continuidade con outra parecida nos próximos meses, complementará as actividades formativas impulsadas a finais de 2018 en varios centros penais galegos e en diferentes entidades sociais.

Nesa ocasión, os participantes recibiron unha serie de sesións orientativas en materia de xestión e preparación para a reutilización dos residuos xerados por mor dos aparellos eléctricos e electrónicos.

PLAN DE RESIDUOS INDUSTRIAIS DE GALICIA

Ademais, todas estas accións enmárcanse no Plan de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA), que conta cun programa formativo específico deseñado pola Consellería de Medio Ambiente.

A Consellería lembra que actualmente en Galicia xéranse un total de 54.000 toneladas de residudos ao ano procedentes de aparellos electrónicos. Isto supón de media 20 quilos por persoa.

Na actualidade, o sector de xestión de residuos representa un 27 por cento do total catalogado como Emprego Verde e estímase que a xestión dunhas 1.000 toneladas de RAEE podería crear uns 200 postos de traballo na procura da súa recuperación.

Centro penal  de Monterroso
Centro penal de Monterroso | Fonte: Institucións Penitenciarias

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta