A Xunta cre que os argumentos do Concello de Santiago para reclamar as estatuas do Pórtico foron "insuficientes"

Reprocha ao Goberno que deixase de lado Meirás só porque "o Val dos Caídos tiña un impacto mediático maior"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2019 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asegurou que as formulacións do Concello de Santiago para recuperar as estatuas do Mestre Mateo "quizá non foron suficientes" para convencer ao ámbito xudicial.

Así o sinalou Rodríguez nunha entrevista na Cadena Ser, recollida por Europa Press, onde indicou que polos antecedentes e pola información coñecida "daba a sensación de que os lexítimos propietarios das estatuas era o Concello de Santiago".

"Desde a Xunta puxemos en marcha o expediente para declarar as estatuas Ben de Interese Cultural, e estabamos en contacto co Concello e compartiamos en certa medida a súa formulación, pero quizais non se nos deu toda a información", destacou o titular de Cultura.

Neste sentido, Rodríguez engadiu que nestas cuestións "as decisións deben ser moi sólidas desde o punto de vista xurídico". "Parece que nese sentido a formulación do Concello non foi o ideal, non foi o que supoño que a inmensa maioría dos galegos desexaría". Así mesmo, destacou que aínda "queda demostrar noutros ámbitos xudiciais" que o Concello ten a razón.

PAZO DE MEIRÁS

Respecto da intención da Xunta de que o Pazo de Meirás pase de ser propiedade da familia Franco a ser público, o conselleiro asegurou que é "un proceso diferente" ao das estatuas do Mestre Mateo.

"Aquí, o Parlamento de Galicia manifestouse nun sentido unánime para pór en marcha unha liña xurídica orientada a que o Pazo de Meirás pase a ser propiedade pública", destacou Rodríguez, quen engadiu que "agora é o Goberno do Estado o que ten que mover peza e abrir un proceso contra a familia Franco".

"No ámbito do Pazo de Meirás fixéronse ben as cousas, coa unanimidade parlamentaria, cunha comisión técnica cun alto nivel de cualificación, cun ditame que foi remitido ao Ministerio", subliñou.

Así, o conselleiro de Cultura reprochou que "dá a sensación de que había unha excesiva preocupación, quizais máis porque tiña un impacto mediático maior, por todo o que teña que ver co Val dos Caídos". Neste sentido, critica o Goberno porque, a pesar de que "tivo tempo suficiente", aínda non puxo en marcha o proceso para que Meirás pase a ser propiedade pública.

XACOBEO 2021

Por outra banda, Román Rodríguez destacou a importancia que ten para Galicia o Xacobeo 2021, pero subliñou que "en 2022, a Comunidade autónoma ten que seguir na mesma senda que se consiga no ano 2021".

Desta maneira, explicou que o próximo Ano Santo non será "flor dun día" e que será "unha oportunidade para que Galicia sexa capaz de demostrar ao mundo todo o bo que ten en todos os sentidos".

"O Xacobeo ten que ser un proxecto de país. Estamos a traballar para involucrar ao conxunto das institucións, da sociedade civil, das organizacións políticas, económicas, empresariais e sociais", asegurou.

FUTURO DE FEIJÓO

Sobre o futuro do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Román Rodríguez manifestouse a favor de que repita como candidatos á Xunta en 2020.

"O presidente é un grandísimo activo político en Galicia e en España e terá o percorrido que el queira ter porque o merece e porque o gañou con suor", indicou, para logo engadir que "para Galicia sería moi bo que seguise". Así e todo, expresou que, independentemente da decisión que tome, "a Comunidade autónoma apoiará un político que se fixo a si mesmo".

Tamén se pronunciou sobre a convocatoria de eleccións xerais para o 28 de abril, sobre as cales criticou a data, "que vai xerar nos cidadáns un gran desasosego"  por estar "moi preto" das eleccións municipais.

"Como data non é a mellor, nin moito menos. Si son boas as eleccións, non cabe dúbida. Vai xerar unha confusión enorme nos cidadáns. Imos ter que desenvolver, dentro das leis da competencia política, un proceso onde vai haber confusión entre as dúas datas e podemos xerar certo cansazo nos cidadáns", sentenciou.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. CADEA SER
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. CADEA SER | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta