Incerteza sobre o ERE para o Banco Santander e as súas oficinas en Galicia

A absorción do Banco Pastor polo Banco Santander acabou coa historia dun banco creado na Coruña había máis de douscentos anos. Un ano despois comezaron os rumores dun ERE sobre as oficinas do Santander, incluíndo as que foran do Pastor.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O venres 15 de febreiro saltaba a noticia na prensa económica de Madrid. O Banco Santander aplicaría un ERE que tamén afectaría á antiga estrutura do Banco Pastor. Os cálculos estimados eran, para todo o Estado, peche de 1.000-1.200 oficinas e unha incidencia sobre 3.000 traballadores e traballadoras en toda España. O total para Galicia podería ser de algo máis de duascentas oficinas. Non obstante, tanto forzas sindicais como o mesmo Banco Santander non dan por válidas as informacións sobre o posible Expediente de Regulamentación de Emprego.

Sucursal do banco Santander
Sucursal do banco Santander

Actualmente estanse levando a diante operacións de migración desde as bases de datos do Pastor cara a plataforma dixital do Santander. Por outra parte, tamén houbo reestruturacións dentro dos servizos centrais do Banco Popular.

SEN NOTICIAS DO ERE

“As noticias que temos son as que aparecen na prensa, aínda non houbo unha comunicación oficial por parte da empresa” di Beatriz Meilán da UGT. “A información que saíu na prensa foi desmentida pola empresa, pero de todas maneiras o que si estaría nos plans do Santander anunciar un expediente de cara a primavera” sinala Jorge Villarino de CC OO Banca. “Estas cuestións poden variar dun día para outro. É certo que había un rumor que logo das eleccións sindicais que foron o 13 de febreiro, fixesen o anuncio do ERE” di Villarino.

“Oficialmente non temos noticias desde a empresa, só o que se filtra na prensa” apunta Rosa Conde de CIG Banco Santander. “A experiencia dinos que antes de anunciar un ERE, a prensa filtra o número de posibles persoas afectadas mais sen noticias oficiais” segue Rosa Conde. Segundo fontes sindicais, tamén existe a posibilidade de que o anuncio se faga despois da presentación das contas do grupo no primeiro trimestre do 2019, acto que se celebraría posiblemente no mes de abril.

O Banco Santander pola súa parte, sinala que “non estamos facendo ningún comentario, non está saíndo nada desde o banco nin oficial nin extra oficialmente”. Desde a entidade queren aclarar que “non hai nada novo en todo isto, porque desde que Santander comprou Popular-Pastor, está pendente facer a reestruturación das oficinas”.

REESTRUTURACIÓN TECNOLÓXICA E DE OFICINAS

A compra de Popular-Pastor engadía un proceso de readaptación de toda a rede de sucursais e sistemas tecnolóxicos. “No seu momento dixemos que todo o proceso de integración total levaría polo menos dous anos” din desde o Santander. “Os prazos fóronse cumprindo e para facer a integración da oficina hai que facer antes a integración tecnolóxica e isto é o que se comezou a facer en Galicia no mes de novembro do ano pasado de 2018”.

Os pasos que se dan para a integración son progresivos. “Comezamos por dúas oficinas, logo foron dezasete e despois cen oficinas e polo momento todo vai indo ben” din desde o Santander que tamén apuntan á primeira metade de marzo “como data final da integración tecnolóxica”. As fontes do banco remarcan que a integración tecnolóxica comezou en Galicia “porque aí estaba o Banco Pastor, unha entidade máis pequena pero con toda a tipoloxía de clientes”. As integracións territoriais que vai acometer o Santander acabarían segundo o seu calendario, no mes de xuño.

AS POSIBLES CAUSAS E CONSECUENCIAS

“Un ERE tamén se pode presentar sen ser por cuestións organizativas, segundo a lexislación vixente” di Beatriz Meilán. “Unha empresa que está tendo beneficios tal como se veu na última presentación de contas, pois habería que pedirlle que o ERE sexa por causas vexetativas como xubilacións, se é que é necesaria a redución”.

“Había unha grande incerteza no sentido de que unha data que condicionaba todo o proceso era a das eleccións sindicais, que determinarían a composición da mesa” di Jorge Villarino. “O certo é que se está seguindo o calendario de integración das oficinas que eran do Popular-Pastor, que é un indicativo que se non se fai en determinados locais, eses serían os afectados polo expediente, non obstante estase a realizar puntualmente”.

“O número de oficinas afectadas sería de catrocentas e sobre 2.300 traballadores e traballadoras” di Rosa Conde da CIG. Preguntada no caso de que o ERE puidese afectar máis ao antigo cadro de Popular-Pastor que ao do Santander a resposta é que “non debería, mesmo se asinou un convenio no mes de outubro no que o banco se comprometía a non facer ese tipo de discriminacións”.  Non obstante, Conde apunta que no ERE de servizos centrais de 2017 un 70% dos afectados eran persoal de Popular-Pastor “tamén era certo que se desmantelaban os servizos centrais de Banco Popular”.  O que non teñen certo desde a CIG é que cando ser aplique o expediente se se vai discriminar “por zonas ou afectará a todo o territorio”.

Para Beatriz Meilán non pode haber subxectividades en canto aplicación do ERE, “tanto a saída de persoas como peche de oficinas, ten que haber criterios obxectivos, así no caso de peches de oficinas haberá que atender criterios economicistas, así serían locais dunha ou doutra entidade” e sobre as persoas “se a empresa non ten o cadro de persoal que estima idóneo, podería abordarse mediante prexubilacións, de non facerse así, sería impugnable” remata Meilán.

“Nós pensamos que cabe todo o mundo e un ERE debe ser negociado nunhas condicións que leven á voluntariedade, a un acordo mutuo” di Jorge Villarino. Para o membro de CC OO será “en Galicia xunto con Madrid, onde máis impacto terá a fusión, pero o impacto que pode ter sobre a eliminación da duplicidade de oficinas é difícil de calcular, a empresa deberá anunciar o modelo de futuro e nós apostaremos pola integración de todos os traballadores”.

As posturas nestes momentos son de incerteza e descoñecemento de datas para anuncio de ERE e de inicio das negociacións. “De momento nós non temos dito nada sobre un Expediente de Regulamentación de Emprego, si  que confirmamos a migración tecnolóxica, pero desde o Santander non saíu nada porque antes debemos falar cos sindicatos”. Os sindicatos pola súa banda descoñecen a magnitude do que xa ven como ineludible e contan coa primavera como data límite para comezar o calendario de negociacións.

De momento, todas as partes sinalan que son rumores, murmurios. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Mentres Paloma Botín amasa fortunas os sindicalistas non teñen "puta" idea de nada...! Ao mellor xa que non saben cando lles van dar a patada no cú, mentres tanto poderían buscar asesoría legal para saber como se pode bloquear calquera decisión do Santander sobre o Pastor... 1º O propietario do Banco Pastor convertiu o paquete maioritario de accións nun regalo para a súa muller a Condesa de Fenosa! 2º Antes de morrer a Condesa fixo doazón do paquete de accións maioritarias á Fundación Barrié (exenta de pagar impostos mentras exista!) 3º Cando morre a Condesa o seu sobriño argalla todo tipo de maniobras para VENDER o Banco Pastor ao mellor postor! 4º Pero como se fixo esta operación cando o paquete de accións maioritario segue estando nas mans dunha FUNDACIÓN PÚBLICA ? Misterios que poden resolver os Sindicalistas mentras fan contas sobre o ERE que lles vai colocar a ave de rapiña Paloma Botín !!!

1 Ex-Pastor

Mi madriña... Non das unha no cravo!. Paloma??? Botín... Barrié non regalou as accións do Pastor a súa viuva, se non a fundación que constituiu. A viuva, xa que logo, non as doou á Fundación. A Barrié fundación pública?. Os sindicalistas están para mellores asuntos que perdelo tempo coas cospiranoias da Tribuna de Cartagena