Galicia celebra o Día de Rosalía repartindo de novo o Caldo de Gloria

Celebrarase unha 'Alborada', coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos, e elaborarase o tradicional caldo iniciativa á que se sumaron numerosos colexios, restaurantes e concellos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2019 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

A Fundación Rosalía de Castro conmemorará o próximo 24 de febreiro, Día de Rosalía, chamando á participación en dous eventos: a celebración dunha 'Alborada', coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos, e a elaboración do Caldo de Gloria, iniciativa á que se sumaron numerosos colexios, restaurantes e os concellos de Padrón, Compostela, Ames, Brión, Rois, Teo, Rianxo, A Guarda, Celanova, Arzúa e Ponteceso.

A escritora e poetisa, Rosalía de Castro
A escritora e poetisa, Rosalía de Castro

Toda a programación da semana foi presentada este luns na Casa-Museo, coa participación do presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; a escritora Ledicia Costas, que este ano será a encargada de preparar o Caldo de Gloria en Padrón, e representantes da Asociación de Gaiteiros Galegos, Oli Xiráldez e Gustavo Couto.

O Caldo de Gloria é unha iniciativa inspirada no poema 'Miña casiña, meu lar' no que o poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata "a épica diaria da supervivencia". Comezou a realizarse en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 converteuse nun evento seguido a nivel galego.

Nesta terceira edición, a encargada de preparar o Caldo de Gloria será a escritora Ledicia Costas. A maiores, a iniciativa proseguirá a súa expansión coa participación de novo de todos os locais da hostalaría de Padrón, así como doutros do resto de Galicia e de fóra das súas fronteiras.

Tamén se unen a esta proposta, apadriñada por Galicia Calidade, varios colexios, que incorporarán o caldo ao menú escolar, ademais de concellos como Ames, Teo, Padrón, Brión, Santiago de Compostela, Celanova ou Ponteceso.

Por outra banda, este ano volverá celebrarse o Día de Rosalía cunha 'Alborada' en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, do mesmo xeito que se fixo en 2013 no 150 aniversario da publicación de 'Cantares Gallegos', na que participaron máis de 70 grupos.

A 'Alborada de Rosalía' é unha peza musical escrita polo propia poeta que, desde a asociación, se anima a interpretar a todos os gaiteiros galegos en homenaxe á autora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta