Os catro concelleiros do PSdeG de Piñor pasan a non adscritos e sopesan aliarse con Pachi Vázquez

Gonzalo Caballero cre que a decisión responde a intereses "persoais" dos que non está pendente a cidadanía.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 18/02/2019 | Actualizada ás 20:37

Comparte esta noticia

O cabeza de lista do PSdeG no Concello de Piñor e exportavoz da formación na Deputación de Ourense, Francisco Fraga, anunciou a súa decisión de abandonar o grupo socialista local e pasar a ser edil non adscrito, unha medida que tamén adoptaron os outros tres concelleiros socialistas da corporación: Sandra Álvarez, Rosa González e Roberto de Cabo.

Rolda de prensa dos edís do PSOE de Piñor que deixan o partido
Rolda de prensa dos edís do PSOE de Piñor que deixan o partido | Fonte: Europa Press

"Poño fin a máis de 20 anos de compromiso cun partido político que representou e representa as miñas ideas", manifestou Francisco Fraga, que destacou que tamén abadonará o grupo do PSOE na institución provincial.

Nunha rolda de prensa na que compareceu acompañado polos outros tres edís, Francisco Fraga asegurou que se trata dunha decisión "difícil" á que se ven abocados "tras bastantes meses de continuas traizóns e faenas por parte da dirección provincial do PSdeG".

Así mesmo, avanzou que os catro concelleiros, así como o resto de compoñentes da agrupación de Piñor, o grupo maioritario na corporación —o Partido Popular goberna con tres concelleiros e conta co apoio do grupo independente de Veciños de Piñor— daranse de baixa no partido, xa que se senten "traizoados pola dirección provincial".

"Non nos queda máis remedio que tomar esta decisión triste e dolorosa de abandonar este partido; seguirei conservando o carné de militante, as miñas ideas van máis aló de quen ocupe a presidencia dun partido. O motivo que nos leva a irnos é a perda de confianza, a deslealdade e a traizón por parte de dirixentes da provincia cara a nós", engadiu.

CEAS CO ALCALDE E CHAMADAS

Francisco Fraga ensinou durante a rolda de prensa unha fotografía que, segundo asegurou, mostra unha reunión celebrada o pasado 1 de febreiro en Cea (Ourense) entre a secretaria de política municipal, Susana Rodríguez Estévez, o secretario xeral provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e o portavoz de Veciños de Piñor, Uxío Rodríguez, "que lle deu a Alcaldía ao PP".

"Desde o verán tiñamos coñecemento de varias ceas do secretario xeral provincial co alcalde de Piñor, un alcalde que me levou ao xulgado e que fixo a campaña máis sucia da historia contra nós", asegurou Francisco Fraga, que considerou que "non é nada bo" que o secretario provincial do partido "ande de ceas con el".

Así mesmo, denunciou que o secretario xeral provincial, "en compañía doutros", "algúns" da comarca, "estaban a buscar xente para a lista de Piñor" sen falalo con el "nin co resto de compañeiros". "Dixo que contaría coa súa axuda para ser candidato en Piñor cando xa nese momento estaba a negociar con xente ás miñas costas", destacou Francisco Fraga.

Nesta mesma liña, acusou a Rodríguez Villarino de chamar a militantes do PSOE de Piñor. "A aqueles que lle dicían que non, este aseguráballes que perdían o tempo, xa que ía gañar o PP", indicou antes de cuestionar como el e os seus compañeiros poderán confiar na "palabra" do secretario provincial ante estas cuestións.

Por todo iso, avanzou que seguirá "conservando" o seu carné de militante pero advertiu de que "non volverá" ao PSOE "mentres os actuais dirixentes provinciais "sigan á fronte".

PACHI VÁZQUEZ, UNHA OPCIÓN

Francisco Fraga comunicou que o catro concelleiros serán candidatos nas eleccións municipais de Piñor do próximo mes de maio, aínda que non precisou se irán por outro partido ou por lista independente, xa que esa decisión a tomará a agrupación e falarán antes "co resto de compañeiros" para "saber se cada un irá por libre ou todos xuntos".

"Temos claro que non iremos polo PP, Ciudadanos, PSOE nin BNG; non sei se iremos por lista independente ou non", indicou antes de asegurar que o partido no que estaría a traballar o exsecretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez sería "unha opción".

"Isto pasa en Maceda, O Carballiño e máis sitios. Temos ganas de dar carpetazo a esta etapa, estamos cansos de tanta historia, coiteladas e pelexas orgánicas, gústanos a política doutra maneira, de buscar solucións aos problemas da cidadanía de Piñor", declarou.

Nesta mesma liña, Fraga lamentou que os dirixentes provinciais do PSdeG tentasen apartalo "por todos os medios" do seu "compromiso coa política", primeiro, "a través dunha denuncia falsa nos xulgados na que estaba detrás o alcalde de Piñor" e, agora, con esa "amizade entre o secretario xeral e o alcalde de Piñor e compañeiros da comarca".

"Queda no partido moita xente boa, con quen esperamos seguir tendo amizade e compartindo cousas, pero a situación fainos inviable seguir no partido. Debe pensar e calibrar quen aparta á xente que non lle ri as grazas, que ten criterio propio", criticou Francisco Fraga.

"O secretario xeral e os que andan con estas historias ou non saben o que se traen entre mans ou lles dá igual, temerarias as dúas posturas; nunca vivín tanto sectarismo e penalización ao discrepante. Contaba con que todo fose calado ata a presentación das listas, pero rebentou antes", destacou.

REACCIÓN DE GONZALO CABALLERO

Preguntado ao respecto, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, atribuíu a decisión a "opcións persoais que están por enriba dos intereses colectivos".

"Somos un partido de goberno, con sentido de vocación, no cal o interese colectivo está por enriba do interese persoal", manifestou para asegurar que, neste momento, a cidadanía non está pendente desas operacións persoais", manifestou.

"A cidadanía non está pendente de operacións persoais, senón dos grandes tempos da política, que nestes momentos se van dirimir en eleccións xerais entre a dereita e a esquerda", apuntou Gonzalo Caballero, que cargou contra aqueles que por "intereses persoais" lle queren "facer o xogo á dereita". "Quedan retratados na súa traxectoria ante a opinión pública", indicou

Por último, preguntado sobre se o PSdeG teme que as escisións nestes pequenos municipios de Ourense prexudiquen a presenza dos socialistas na Deputación, sinalou que o Partido Socialista aspira a "manter as tres deputacións, as grandes alcaldías e avanzar alí onde" non gobernan para alcanzar "máis poder".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta