Veciños de Teo transmiten ao deputado García Mira os seus temores sobre o vertedoiro de Casalonga

A Plataforma Veciñal Casalonga Limpa de Residuos reuniuse co deputado do PSdeG pola provincia de A coruña, Ricardo García Mira, para analizar a posible instalación de vertedoiros en canteiras abandonadas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

No caso da antiga canteira de Casalonga, no Concello de Teo, os representantes da Plataforma xuntáronse o pasado luns dezaoito ás 12 do mediodía co deputado Ricardo García Mira para transmitirlle o temor de que este espazo “acabe convertida nun vertedoiro”.  Explicaron tamén que dous proxectos foran xa arquivados pola Xunta “tras a forte mobilización veciñal, o primeiro, a instalación dunha planta de tratamento de residuos e o segundo, un proxecto de restauración da canteira que agochaba un grande vertedoiro”. Como lembraron desde a Plataforma, a lexislación autonómica “abre a posibilidade de que se poidan instalar plantas de tratamentos de residuos en chan rústico e moi perto das vivendas”.

Veciños de Teo co deputado García Mira na canteira de Casalonga
Veciños de Teo co deputado García Mira na canteira de Casalonga | Fonte: Plataforma Veciñal

Por outra parte, a lexislación estatal admite a restauración de canteiras con “materiais valorizados” e “tecnosolos”. Segundo  explican desde  a Plataforma “ambos conceptos teñen unha definición teórica aceptable” mais os veciños aclaráronlle ao deputado García Mira que “en teoría un material valorizado é aquel que recupera o seu valor perdido ao ser útil para outra función”. Nese sentido os tecnosolos “son solos artificiais que se poden empregar para a restauración de espazos degradados como as antigas canteiras”.

Non obstante, a Plataforma denuncia que “o vertedoiro de Miramontes e a antiga mina de Touro “restaurada” con tecnosolos, demostran que os materiais valorizados acaban sendo todo tipo de residuos tapados con terra”.  Engaden ademais que “son en realidade lodos de depuradoras e cinzas de procesos de combustión, entre outros, que se mezclan con terra e area, residuos con altas concentracións de metais pesados, substancias altamente canceríxenas situados en zonas próximas aos vertedoiros”.

O deputado García Mira comprometeuse a concertar proximamente unha reunión da Plataforma co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán Fernández. O obxectivo é transmitirlle de primeira man a preocupación da cidadanía e a necesidade de manter correcta a conservación deste enclave e doutros similares.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta