A Xunta aposta por 18 novas gasolineiras automáticas para rebaixar o prezo dos combustibles

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia apoia estas medias para reducir a diferenza fronte á media española. Conde destaca a simplificación de trámites para a apertura de novas estacións de servizo: agora substitúese o seu rexistro por unha comunicación previa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, expuxo este martes unha serie de medidas nas que traballa a Xunta para conseguir unha rebaixa no prezo dos combustibles en Galicia.  Entre elas, atópase a tramitación de 18 novas gasolineiras automáticas para "facilitar a competencia".

Así o informou na apertura dunha xornada sobre combustibles e administración local celebrada en Santiago, á que tameén asistiu o presidente da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), José María Marín Quemada. Quemada mostrou "todo" o seu apoio á Xunta para conseguir que Galicia reduza o diferencial de prezos que padece fronte á media española.

Na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Conde explicou que a Xunta "está a revisar" os procedementos autonómicos co fin de "simplificar" os trámites para a apertura de gasolineiras. Para iso, substitúese o actual rexistro de estacións de servizo por unha comunicación previa, feito que "vai ser especialmente relevante". Así, trabállase na modificación do decreto de 2015 para unha "maior eficiencia".

O Goberno galego persegue que haxa un "maior número de operadores". Sobre este extremo, o conselleiro avoga por impulsar novas formas de comercialización como gasolineiras automáticas, e pon como exemplo que no norte de Europa a súa implantación chega a taxas superior do 60%.

RECORTE DE DIFERENCIAL

Conde lamentou que exista un prezo medio antes de impostos dos carburantes en Galicia "moi superior" á media en España, mentres apunta que non existe "ningún motivo" polo que os cidadáns teñan que asumir un "sobrecusto" nunha "sociedade moderna".

O conselleiro remarca que por parte da administración trabállase en "melloras", cunha colaboración "magnífica" co ámbito local para "facilitar a competencia" con estacións de servizo. 

Neste sentido, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria indica que en 2018 conseguiuse recortar o diferencial con España en 2,2 puntos no prezo do gasóleo e nun punto na gasolina. Esta cuestión repercute na "competitividade de autónomos e pemes", afirmou.

Finalmente, Francisco Conde chamou ás administracións a traballar "conxuntamente" por "garantir os dereitos dos consumidores" e a "libre competencia".

CNMC BUSCA PREZOS "RAZOABLES"

Pola súa banda, o presidente da CNMC, José María Marín Quemada, subliña que a tarefa de Competencia é que os cidadáns teñan "prezos razoables", polo que non ve "correcto" que Galicia conte cos "prezos máis altos de España" en carburantes.

"O conselleiro púxose en contacto connosco para decinos que non lle parecía normal o que a nós tampouco nos parecía correcto", afirmou Marín Quemada. E é que reflexiona sobre como esta problemática "afecta moito" ás pemes e os cidadáns con menos recursos. Por tal motivo, mostrou "todo" o seu respaldo ás actuacións que poña en marcha a Xunta para paliar esta situación.

O conselleiro de Economía nun acto en Santiago.. XUNTA DE GALICIA
O conselleiro de Economía nun acto en Santiago.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta