Detidas dúas persoas con documentación falsa no aeroporto de Lavacolla

Pretendían embarcar nun voo cara a Irlanda e ían acompañados de dous menores, tamén con carnés ilegais

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

A Policía Nacional detivo un home e unha muller de orixe xeorxiana con documentación falsa de Romanía mentres pretendían embarcar nun voo con destino a Dublín (Irlanda) desde o aeroporto de Lavacolla, en Santiago. A parella ía acompañada de dous menores de idade, tamén con documentación falsificada.

Segundo informa o corpo, os axentes detectaron varias irregularidades nos documentos achegados polos dous individuos, como dous carnés de identidade de Romanía falsos cos que tentaban embarcar cara á capital irlandesa. Deste xeito, a Policía Nacional procedeu á detención dos adultos e constatou que todos eran orixinarios de Xeorxia. Posteriormente, foron trasladados a dependencias da comisaría de Santiago para a continuación das dilixencias policiais.

Entre as competencias do Corpo Nacional de Policía atópase a de controlar as entradas e saídas do espazo 'Schengen' -convenio europeo polo que varios países, entre os que non se atopa Irlanda, suprimiron os controis das fronteiras entre eles,- tanto de nacionais como estranxeiros, así como a loita contra redes de inmigración ilegais.

En base ás súas investigacións, as forzas da orde tiveron coñecemento de redes nas que cidadáns de países do leste e antigas repúblicas soviéticas utilizan rutas cara a Reino Unido e Irlanda con documentación falsificada de países limítrofes ao seu de orixe, utilizando as similitudes culturais para desprazarse polo espazo 'Schengen'.

A Policía Nacional explica que estes movementos se realizan habitualmente por medios terrestres ou mesmo mediante voos internos a través de aeroportos non principais. Nesta operación, as organizacións ilegais facilítanlles os documentos e os billetes necesarios, así como os trámites que deben facer cando cheguen ao seu destino final.

Durante 2018, no aeroporto de Lavacolla detivéronse un total de 19 persoas de varias nacionalidades nos controis de pasaportes realizados a pasaxeiros con destino Reino Unido e Irlanda, todos por viaxar con documentación falsa.

Aeroporto de Lavacolla
Aeroporto de Lavacolla

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta