Villares critica aos que agora apostan por unha coalición cando no 2016 impuxeron En Marea coma partido

Insiste en que a cidadanía "premia a unidade" e que esta só pode darse en "o magnífico instrumento" que é o partido instrumental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, reivindicou este martes o partido instrumental como un "magnífico instrumento" que está "ao servizo daqueles que o crearon", en referencia a formacións como Anova, EU, Podemos ou as mareas municipalistas da Coruña e Santiago, que agora piden configurar unha coalición electoral para as xerais do próximo 28 de abril.

Unha proposta que rexeita a dirección de En Marea que encabeza Luís Villares quen, a preguntas dos xornalistas na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces do Parlamento de Galicia, insistiu en que a unidade debe darse baixo o paraugas do partido instrumental.

"Temos unha ferramenta que é o partido político En Marea, que crearon todos os actores que neste momento compomos o espazo político en Galicia e que está lista para gañar as eleccións", aseverou Villares.

Deste xeito, lembra que foron Anova e os alcaldes da Coruña --Xulio Ferreiro--, Santiago --Martiño Noriega-- e Ferrol --Jorge Suárez-- os que propiciaron, no verán de 2016, a configuración de En Marea como partido instrumental, fórmula á que se sumou Esquerda Unida e que, debido ás diverxencias internas, estivo a piques de provocar que Podemos Galicia concorrese por separado ás últimas eleccións autonómicas.

Por iso, Villares insiste en que a cidadanía "premia a unidade" daqueles que teñen "un pensamento similar" e comparten "valores e principios". "E para poder conseguir iso no ano 2016 creamos este magnífico instrumento que é En Marea", suliñou. "Por tanto, este instrumento está ao servizo daqueles que o crearon", remarcou o maxistrado en excedencia, que afirma que En Marea "ten preparada a súa maquinaria" para as eleccións.

Luís Villares, de En Marea, no Parlamento de Galicia. EN MAREA
Luís Villares, de En Marea, no Parlamento de Galicia. EN MAREA | Fonte: Europa Press

MARTIÑO NORIEGA

O último en sumarse a idea dunha coalición e non dun partido foi o alcalde de Santiago, Martiño Noriega. Con todo foi el, Xulio Ferreiro e Anova, principalmente, os que no verán de 2016, Noriega encabezou, xunto aos 'alcaldes do cambio', os movementos para configurar En Marea como partido instrumental de adscrición individual que trasladase ao ámbito autonómico o modelo das mareas municipalistas.

"Non sei se é pola fórmula do partido instrumental en si mesma ou por determinadas dinámicas que se deron, pero parece que (o modelo de partido instrumental) é o que peor encaixe ten", indicou o alcalde de Santiago e líder de Compostela Aberta, marea que se aliña no sector crítico coa dirección de En Marea que encabeza Luís Villares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ASerio

Sorte para o q ven.