Piden de novo amparo ao xuíz polo colapso nas Urxencias do CHUS, con "pacientes graves" no corredor

A delegada de prevención de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago denuncia a presenza de "21 pacientes graves nos corredores" e 28 pendente de ingreso "ocupando a sala de Observación".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/02/2019 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

A delegada de prevención de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago (CHUS), a médica Fátima Nercellas, solicitou de novo amparo ao xuíz de garda pola presenza de "pacientes graves no corredor" deste servizo na tarde deste martes ao haber enfermos pendentes de ingreso na área de Observación.

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS.

Nercellas manifestou que hai "cola" desde as 14,00 horas deste martes en Urxencias e, como ás 16,00 horas había "21 pacientes graves nos corredores" e 28 pendente de ingreso "ocupando a sala de Observación" decidiu pedir amparo ao xuíz de garda.

Así, xustificou esta decisión en que "é unha situación que pode ser de risco como a do día 2 de xaneiro", cando Nercellas denunciou ante Fiscalía a morte de dous pacientes no corredor, lembrou.

Por iso, insistiu en que a petición de amparo "é unha cobertura legal" para "denunciar unha situación que se escapa das mans aos médicos".

Respecto diso, concretou que unha "media hora" despois de pedir amparo ao xuíz de garda, a xerencia compostelá abriu a zona de "REA antiga para subir a 15 pacientes" dos 28 pendentes de ingreso na sala de Observación.

Nercellas recorreu o pasado 11 de febreiro ao xuíz de garda porque ás 12,00 horas dese luns había 18 pacientes pendentes de ingreso e 19 nos corredores.

Por iso, como ás 16,30 horas dese luns permanecían 13 pacientes en Observación pendentes de ingreso e 13 graves nos corredores por falta de espazo, enviou "por primeira vez" unha "solicitude de amparo ao xuíz de garda" de Santiago como delegada de prevención co fin de pór no seu coñecemento "unha situación de risco".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta