A EGAP aumenta os cursos sobre igualdade e prevención de violencia de xénero

A oposición parlamentaria bota en falta actividades para a loita contra a corrupción e a directora cita actuacións previstas sobre transparencia e ética pública. O BNG referiuse á necesidade de seguir incrementando a presenza do galego, sobre todo no ámbito xudicial, onde se dá un "apartheid" lingüístico.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2019 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

Escola Galega da Administración Pública (EGAP) incrementou os cursos relativos a igualdade e prevención da violencia de xénero ata 31 actividades que supoñen 1.765 prazas, segundo destacou a súa directora, Sonia Rodríguez-Campos. Nunha comparecencia a petición propia en comisión parlamentaria, a responsable da EGAP resaltou algúns dos puntos sobre o plan de formación para este 2019, entre os que a oposición botou en falta referencias á loita contra a corrupción.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos. CAPTURA
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos. CAPTURA

En total, Sonia Rodríguez cifrou en 523 as edicións formativas previstas, cunha oferta de 26.343 prazas destinadas a todos os colectivos de empregados públicos da comunidade. En materia de igualdade e prevención de violencia de xénero, reivindicou que as actuacións conforman "unha convocatoria específica", o cal obedece tanto ao decreto de 2017 que regula a formación neste ámbito como á subscrición do pacto de estado no Congreso en setembro dese ano.

"Deu lugar a compromisos que teñen reflexo no noso plan de formación", resaltou, antes de avanzar que isto se complementará cun convenio de colaboración que asinará a EGAP coa Secretaría  Xeral de  Igualdade para levar a cabo medidas "específicas" para o persoal público que atende a vítimas de violencia de xénero.

TRANSPARENCIA

Na quenda dos grupos, o portavoz de En Marea, Luís Villares, e o deputado socialista Juan Díaz Villoslada botaron en falta "un apartado completo" de formación para a loita contra a corrupción política. Na réplica, Rodríguez-Campos sostivo que "xa hai tempo que a EGAP demostrou que non ten problema en convocar actividades sobre esta materia" e subliñou que en 2019 acolleu "un monográfico" sobre o tema que "tivo moito éxito".

En calquera caso, defendeu que á escola "gústalle" abordar "en positivo" estes asuntos e por iso se refire a "medios para evitar ou previr a corrupción". Respecto diso, citou algúns cursos previstos baixo os epígrafes de transparencia, acceso á información pública e ética pública.

EN GALEGO

Pola súa banda, o parlamentario do BNG Luís Bará fixo fincapé na relevancia de que haxa máis formación en galego, por motivos como que ve o idioma propio nun "apartheid" no campo xudicial.

A isto, a directora da escola respondeu con que "non se pode falar de discriminación na EGAP", que ten 30 edicións en galego (ademais doutras actuacións complementarias) que ve "máis que suficientes". "Sen dicir que non son cifras mellorables", precisou.

Por parte do PP, Jacobo Moreira valorou a presentación en prazo e opinou que a EGAP está "a ir polo bo camiño" coa súa programación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta