O alcalde da Coruña, "satisfeito" pola inclusión da cidade no corredor atlántico de redes de transporte

A eurodeputada do BNG Ana Miranda recibiu este martes a confirmación, despois da celebración do trílogo interinstitucional entre a Comisión, o Consello e o Parlamento

Por E.P. | A CORUÑA | 20/02/2019 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mostrouse "satisfeito" pola confirmación de que esta cidade estará incluída, xunto a Vigo, no corredor atlántico de redes europeas de transporte.

Así o manifestou despois de que a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, informase o martes que recibiu unha confirmación de que Vigo e A Coruña estarán incluídas neste corredor tras a celebración do trílogo interinstitucional entre a Comisión, o Consello e o Parlamento.

A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa presentación dun proxecto de innovación bibliotecaria na biblioteca municipal da Sacra Familia, Ferreiro manifestou que se trata dunha demanda feita polo concello herculino e tamén polas cidades atlánticas en Bruxelas.

"Imos ver os pormenores", expuxo o rexedor, quen subliñou que é importante que se inclúa "non só o porto da Coruña". "Senón tamén a conexión ferroviaria a Punta Langosteira e que se teña en conta o polígono de Vío como plataforma loxística vinculada ao porto exterior e a esa rede europea de transportes", subliñou.

Segundo a eurodeputada do BNG, tras a súa aprobación na Comisión de Transporte da Eurocámara o 22 de novembro, na sesión plenaria do 12 de decembro o Parlamento europeo deu luz verde á inclusión de Galicia no corredor atlántico. O seguinte paso será a súa previsible aprobación en próximas sesións plenarias da Eurocámara.

Xulio Ferreiro. Europa Press - Archivo
Xulio Ferreiro. Europa Press - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta