Así é o plan director do Corredor Atlántico que prevé o Goberno de Sánchez

Cifra en 3.558 millóns os diñeiros necesarios para as conexións do noroeste, case 500 máis dos fondos precisos. Contempla León-Vigo como o eixo principal de mercadorías neste cuadrante, onde investirá 650 millóns. A Xunta di que ten "lagoas" e lamentou que non fose acordado coas distintas institucións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/02/2019 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O plan director do Corredor Atlántico prevé 3.558 millóns de euros para a zona noroeste: 1.293 en renovacións e 2.265 para obras de nova construción. No último acto conxunto, Galicia, Asturias e Castela e León presentaron un estudo que estimaba nuns 3.1000 millóns os fondos necesarios para modernizar o seu tren.

De acordo coa presentación do plan director, celebrada este mércores en Madrid, o cuadrante noroeste recibirá 370 millóns de euros durante este ano 2019, que se investirán en actuacións en tramos de vía.

Ademais, a explicación do Ministerio de Fomento recolle a León-Vigo como o "principal eixo do Corredor Atlántico de mercadorías na zona noroeste", pois "supón unha das dúas conexións ferroviarias de Galicia co centro peninsular e conecta Ponferrada, Astorga e León".

Para este eixo León-Vigo, de 420,2 quilómetros, establece que se dedicarán 650 millóns de euros, en actuacións como renovación de superestructura, racionalización de estacións, ampliación de vías de apartado a 750 metros, adecuación de gábilos e modernización das instalacións de seguridade e comunicacións.

"O obxectivo para 2025 sería contar cun moderno corredor de mercadorías apto para trens de 600-750 metros", apunta o departamento de José Luís Ábalos.

VIGO-A CORUÑA

Mentres, Vigo-A Coruña aparece como "principal eixo de transporte ferroviario de viaxeiros e mercadorías en Galicia". Formado polo eixo atlántico e tramos en explotación do trazado antigo, o ministerio apunta que son 210,7 quilómetros e programa para eles 70 millóns de euros, para mellora das instalacións de protección civil e renovación e electrificación dos tramos de antigo trazado que dan servizo de proximidade.

"Con esta actuación", segundo Fomento, "conseguirase unha homoxeneidade da explotación no eixo atlántico, xa que non se precisaría xa material diésel en Galicia".

Como actuacións complementarias ao corredor, o plan contempla a conexión do porto de Ferrol e o seu uso como rede de proximidade da área metropolitana A Coruña-Ferrol, conectada á liña de altas prestacións do eixo atlántico.

Para estes 245 quilómetros haberá 296 millóns, nas mesmas obras previstas para o eixo León-Vigo. "Galicia pode converterse na primeira comunidade autónoma de España con todas as súas liñas electrificadas a 25 kv, o que representa unha vantaxe funcional considerable", resalta o departamento.

Entre as principais funcionalidades identificadas para a súa mellora, na zona noroeste, o ministerio apunta á electrificación de conexión con Portugal en Tui e tramos antigos do eixo atlántico, o eixo León-Vigo polo aumento de lonxitude de trens e adecuación de gábilos e o eixo Monforte-Ferrol/A Coruña para o aumento de lonxitude de trens, adecuación de gábilos e electrificación.

Ademais, nas prioridades para o período 2019-2025, marca León-Vigo, Vigo-A Coruña e actuacións complementarias no referido ao noroeste, onde especifica a infraestrutura loxística, dividida entre a Rede Ten-T Global e a Rede TEN-T Básica.

NODO DE MONFORTE

Especifica, por último, que os nodos de León e Monforte de Lemos (Lugo) son propiedade de Adif e que teñen unha dobre función: 'hub' para as empresas ferroviarias e terminal intermodal.

Adif propón neste punto un modelo colaborativo de promoción/xestión/explotación, con colaboración pública na promoción e iniciativa privada en explotación. "O desenvolvemento destes nodos axustarase ao interese empresarial e a demanda do transporte", indica.

Na proposta de modificación do Corredor Atlántico á rede básica, chama a atención sobre que as comunidades de Navarra, A Rioxa, Cantabria, Asturias e Galicia (polas que non discorren corredores) supoñen o 18,28% da poboación e o 16,93% do PIB. Así, os novos nodos incorporados polo Ministerio de Fomento inclúen Ourense, Vigo e A Coruña, no que respecta á comunidade galega.

Autopista Ferrol-Portugal
Autopista Ferrol-Portugal | Fonte: EP

CRÍTICAS DA XUNTA

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, criticou este mércores que o proxecto para mellorar o Corredor Atlántico ten "lagoas" e lamentou que non fose acordado coas distintas institucións.

"Vemos un plan director que non foi consensuado, coa presentación de hoxe é un primeiro avance. Vemos lagoas que se teñen que resolver", asegurou a conselleira en declaracións á prensa tras o acto de presentación do Corredor Atlántico no Ministerio de Fomento.

Así, Vázquez remitiuse a ter os documentos do eixo Atlántico para que a Xunta faga as súas achegas. Este mércores o Ministerio de Fomento, a través de Adif, anunciou que investirá 2.820 millóns de euros este ano en realizar actuacións e melloras.

Tren Ave
Tren Ave | Fonte: renfe.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta