O 061 denuncia danos en ambulancias e expresa a súa "condena firme" por estas "sabotaxes"

A Fundación Pública sinalou que os vehículos afectados foron substituidos de maneira inmediata e seguiron prestando asistencia con normalidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2019 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 denunciou este mércores danos en 29 ambulancias --dúas medicalizadas e 27 asistenciais-- rexistrados no marco dunha nova xornada de folga no segundo tramo de paros intermitentes convocados polos sindicatos --UXT, CIG e CC.OO.-- para reivindicar un novo convenio.

Nun comunicado de prensa, o 061 expresou este mércores a súa "condena firme" ás "sabotaxes e actos vandálicos" realizados contra as ambulancias da rede de transporte urxente. Desde as 12,00 horas do día 19 e ata as 12,00 horas deste mércores 20 o 061 apuntou que se rexistraron picadas nas rodas de dúas ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (SVA), unha con base en Santiago e outra na Coruña.

A iso suma picadas en 27 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) con base nos concellos da Coruña --catro vehículos--; Vigo e Carballo --tres ambulancias--; Noia, Ponteareas e O Porriño --dous en cada un--, Cambre, Sarria, Nigrán, Redondela, Oleiros, Quiroga, A Cañiza, Chantada, Cee, Vilalba e Lugo.

O 061 destacou que "todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade". Ademais, nas ambulancias asistenciais de SVB con base en Chantada e Quiroga tamén se realizaron pintadas, concretou a Fundación pública. Con todo, o 061 insiste en que a convocatoria de folga "enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia".

"COMPORTAMENTO RESPONSABLE"

Así, asegura que traballa "de modo responsable e comprometido coa poboación" co fin de "garantir a asistencia sanitaria urxente", de modo que a convocatoria de xornadas de folga "non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vea privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades", explicou. Deste xeito, insiste en facer de novo "un chamamento ao comportamento responsable e consecuente", ademais de "esixir respecto dos bens e as persoas".

Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Archivo
Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta