Ratificada a suspensión a un garda civil de Lugo que acusou de trato de favor a Pilar de Lara

Denunciara que a xuíza quería "enchufar" a dous gardas civís nun concurso de vacantes de libre designación para que fixesen funcións como policía xudicial, asignados ao seu xulgado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

A Sala do Militar do Tribunal Supremo (TS) ratificou os 15 meses de suspensión de emprego a un axente da Garda Civil (J.M.B.) da Comandancia de Lugo por acusacións de trato de favor á xuíza titular do Xulgado de Instrución Número 1 da cidade, Pilar de Lara.

Nun auto de doce folios con data do 14 de febreiro, o TS acorda desestimar o recurso de casación interposto por J.M.B. contra o fallo do Tribunal Militar Central do 17 de abril do pasado ano.

Previamente, en xullo de 2016, o director xeral da Garda Civil ditou a conclusión do expediente disciplinario seguido contra o axente por "unha falta moi grave", impóndolle a sanción de "15 meses de suspensión de emprego" que agora se volve a confirmar.

Agora, nos fundamentos de dereito, o Supremo argumenta que o recorrente foi "sancionado por ser autor dunha falta moi grave da Lei Orgánica de Réxime Disciplinario da Garda Civil, que establece que é falta moi grave o abuso de atribucións que cause grave dano aos cidadáns, a entidades con personalidade xurídica, aos subordinados ou á administración".

Todo iso remóntase ao 15 de febreiro de 2014, cando o axente, "mentres se atopaba franco de servizo activo" no posto da comandancia de Lugo, topouse en dependencias "do seu destino" cun sobre pechado "dirixido ao interesado, sen remitente, e que contería un informe cos logotipos da administración de Xustiza de data 27 de decembro, procedente aparentemente da titular do Número 1 de Lugo, María do Pilar de Lara Cifuentes".

Dito anónimo resumiríase nun posible trato de favor da xuíza cara a dous gardas civís nun concurso de vacantes de libre designación para que fixesen funcións como policía xudicial, asignados ao seu xulgado.

O AXENTE "ABUSOU" DO SEU POSTO

No auto desestimatorio, dos 15 meses de suspensión para J.M.B., o Supremo infere que "destas cuestións tívose amplo coñecemento na prensa, que recolleu circunstancias da mesmas, atribuíndo á Garda Civil de Lugo a denuncia contra a maxistrada".

No fallo disponse que "o recorrente, facendo uso das atribucións do seu cargo e querendo que a súa actuación aparecese como unha actuación da Garda Civil de Lugo, abusou das mesmas, pois en realidade a súa finalidade non era un asunto do servizo senón un asunto puramente particular".

Constátase na sentenza, en resposta ao recurso, que "se causou un grave dano ao maxistrado citada, á administración de Xustiza e á Garda Civil" e, ademais, incídese en que "o ocorrido tivo repercusión tanto na prensa como nas redes sociais".

Efectivo da Garda Civil
Efectivo da Garda Civil | Fonte: GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta