Navia de Suarna prepárase para unha nova Feira da Androlla

Poñeranse á venda arredor de 3.000 pezas deste embutido típico dos Ancares lugueses.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

O vindeiro 3 de marzo, domingo de Entroido, Navia de Suarna (Lugo) vivirá outra celebración da súa Feira da Androlla. O alcalde, Pepe Fernández, calculou que se porán á venda "entre 2.500 e 3.000" pezas deste produto típico dos Ancares de Lugo, cun prezo de 12 euros o quilo.

Navia de Suarna, en Lugo
Navia de Suarna, en Lugo | Fonte: clubrural.com

Fernández presentou a feira no salón de actos da Deputación de Lugo, de man da principal produtora, Carmen Sánchez, e o deputado de cooperación cos concellos, Álvaro Santos. En concreto, trátase da vixésimo novena edición desta feira, "das máis antigas da provincia de Lugo", resaltou, e que adoita coincidir todos os anos co domingo de Entroido.

Non só haberá androllas, din. Arredor de 30 postos, tamén con outros produtos, estableceranse na feira deste "embutido artesán" de éxito. Xa o advirten: as existencias esgotábanse durante ese mesmo día en todas as edicións anteriores.

Carmen Sánchez,  pioneira da feira nos seus inicios e que conta cunha fábrica destes embutidos en Navia, concretou que o produto "consta de costela de porco, con carne, e unhas poucas de peles". Explica que se adoban con sal, pemento e allo e que despois se afuman con leña de carballo, onde se curan. O embutido está envolto nunha tripa natural, precisa.

Para a elaboración deste produto precísase unha cocción "de dúas horas" para logo "acompañalo de patacas e verduras", engadiu. A empresaria apuntou que producen sobre 30.000 quilos de androllas ao ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta