Oncoloxía 'á carta' en Galicia para combater o cancro

Científicos galegos traballan na personalización dos tratamentos para os enfermos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/02/2019 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

O cancro provoca cada ano a morte de máis de 8 millóns de persoas no mundo, o 90% por mor dunha metástase. Aí está o principal desafío da oncoloxía: descifrar o comportamento das células que expanden a enfermidade e lograr medicamentos que a cronifiquen. O grupo de investigación Oncomet e a farmacéutica Roche traballan desde Galicia na mellora do diagnóstico e o tratamento da man da medicina personalizada.

Científica na Unidade Mixta de Investigación
Científica na Unidade Mixta de Investigación | Fonte: ganadores.gal.

“A enfermidade localizada ou non diseminada hoxe en día pode ser controlada clinicamente na maior parte dos casos. O problema é cando hai metástase e os pacientes desenvolven resistencia aos tratamentos, que deixan de ser efectivos e a enfermidade progresa”, explica en Con G de Ganadores o doutor Rafael López, coordinador da Unidade Mixta de Investigación.

A inmensa maioría dos falecementos, o 90%, son consecuencia da metástase, segundo o doutor López, que considera fundamental a detección precoz tanto dos tumores primarios como da extensión da enfermidade a outros órganos. Para estas situacións tamén hai cada vez máis tratamentos e son máis eficaces.

“Nun futuro imos dispoñer de dúas formas de controlar a metástase, ben eliminando toda a enfermidade e, por tanto, curándoa, ou facéndoa crónica con tratamentos máis ou menos permanentes”, engade López.

Aínda que a UMI se estrutura en tres liñas de investigación, cada unha co seu propio equipo para ter perspectivas diferentes e complementarias sobre o problema da metástase, o traballo de todas apunta a unha mesma dirección: entender o comportamento e a relevancia das células tumorais circulantes e contar con ferramentas que faciliten o seu estudo.

Unha das principais innovacións da investigación conxunta de Oncomet e Roche é a biopsia líquida para extraer e analizar as células diseminadas e o material xenético tumoral que circula polo sangue. Non é unha técnica de diagnóstico. Son biomarcadores para facer máis efectivos tanto o seguimento como a evolución da enfermidade.

Con eles trátase de identificar que fai que un paciente responda ou non a unha terapia determinada. “Se conseguimos saber cal é esta diferenza, os oncólogos poderán tomar as decisións máis adecuadas aplicando a chamada oncoloxía de precisión, que permite personalizar os tratamentos para un enfermo en cada momento”, afirma Rafael López.

A segunda liña de traballo da UMI céntrase no uso da nanotecnoloxía e os nanomateriais para deseñar ferramentas de detección e control da enfermidade máis sensibles, rápidas e menos invasivas, así como medicamentos “á carta” para aumentar a súa eficacia e diminuír os efectos secundarios e toxicidade.

Para coñecer ben o inimigo, a terceira liña de investigación pon a lupa sobre unhas pequenas agrupacións de células tumorais circulantes moi raras e escasas, pero claves no proceso. A partir de modelos in vitro e in vivo a UMI reproduce fases relevantes da metástase para desentrañar, por exemplo, a capacidade de supervivencia e proliferación desas células e explicar o seu grande impacto no desenvolvemento da enfermidade.

“Nos tres anos que pasaron desde a posta en marcha da Unidade, desenvolvemos distintos proxectos que xa deron lugar a resultados con aplicación clínica e que son a base para a súa consolidación como unha estrutura potente de investigación oncolóxica”, valora López.

Esta é unha das 39 alianzas co formato de UMI apoiadas ata agora pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para impulsar a colaboración estratéxica entre empresas e centros de coñecemento en áreas de innovación aliñadas coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta