A loita da familia dunha viúva ameazada de desafiuzamento en Teo forza unha reunión co banco

Todas as forzas políticas desta localidade, incluído o PP, participan nunha concentración ante o Santander en Santiago. O obxectivo é lograr unha "solución alternativa" e "amigable" entre ambas partes

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A presión exercida pola familia dunha viúva á que o banco ameaza con executar o desafiuzamento da súa casa en Teo (A Coruña) forzou a celebración dunha reunión este venres para tratar de chegar a unha solución alternativa.

De feito, Blackstone, que está a negociar coa muller, asegura que a súa intención é "buscar unha solución amigable" para non ter que chegar ao desafiuzamento. Este fondo ten unha sociedade conxunta co Banco Santander, pero eles teñen a maior parte e son, en consecuencia, os que a xestionan.

Este xoves organizouse unha concentración ás portas da sede do Santander na que participaron todas as forzas políticas con representación en Teo, incluído o PP; así como a vicepresidenta da Deputación da Coruña e o ata agora portavoz do BNG en Santiago. Logo diso, o fondo manterá un encontro este mesmo venres, segundo fontes consultadas por Europa Press.

Pola súa banda, Marcos Couceiro, o fillo da afectada, agradece o apoio recibido polos responsables políticos e "que vaian da man" ante a situación na que se atopa a súa nai. Segundo explica, o conflito remóntase ao ano 2010, cando unha empresa do seu pai entrou en concurso de acredores. Ao tempo, os seus proxenitores estaban a acabar de pagar unha hipoteca que, segundo conta, tiveron que deixar de pagar.

FIXADO PARA O DÍA 28

Tras unha "xestión nefasta do proceso" por parte dos bancos (foron Popular e logo Santander), a "situación final" é que este último banco anunciou a execución do lanzamento, con data prevista para o vindeiro xoves 28, cunha débeda que el cifra en 80.000 euros.

Unha oficina do Banco Santander
Unha oficina do Banco Santander

O caso é que, tras dito procedemento, a entidade financeira acáballes de devolver 63.000 euros, mentres eles levan "tempo buscando unha solución" e "tentando paralizar" o desafiuzamento.

"Como me dixo hoxe un amigo, cando Ana Botín dixo que era feminista, non sei a que se refería, porque ser feminista sería non botar da súa única casa a unha muller de 70 anos, viúva", critica Couceiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta