Otegi proponlles aos soberanistas, incluído o BNG, presentarse xuntos ás eleccións do 28-A

EH Bildu aposta por copiar a fórmula das europeas para facerlle fronte ao "bloque reaccionario" que trae canda si unha "involución democrática". Coida que as forzas independentistas terán un papel "decisivo" a nivel estatal durante a vindeira lexislatura

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/02/2019 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, apostou por que o PSOE "repita a fórmula" de Goberno desta lexislatura tras as próximas eleccións xerais e que "o independentismo sexa decisivo". Por iso, emprazou a soberanistas vascos, cataláns, galegos (BNG) e mesmo canarios, a presentarse xuntos aos comicios do 28 de abril. A fórmula, que aínda estaría por barallar, procuraría  facer fronte "ao bloque reaccionario" do PP, Ciudadanos e Vox, amais de defender "o dereito de autodeterminación e a liberdade dos presos".

Nunha entrevista concedida a Onda Vasca e recollida por Europa Press, Otegi sinalou que o Estado está en crise, situación ante a cal o bloque reaccionario - no que inclúe á monarquía, ao PP, C's e Vox- decidiron facerlle fronte desde unha "involución democrática" que busca "cernar as escasas liberdades nacionais e sociais" dos vascos, como o Concerto Económico ou o Cupo.

Neste sentido, lembrou a proposta do PP aprobada este pasado mércores no Senado, na que afirmaba que non había que realizar transferencias a Euskadi. Ante esta situación, sinalou que hai dúas opcións: a de concorrer ás eleccións xerais e europeas en clave de partido "ou en clave de país", de forma que se somen forzas ao redor dun "mínimo común".

XA HAI CANDIDATURA CONXUNTA NAS EUROPEAS

O dirixente de EH Bildu lembrou que, para as europeas, materializouse unha alianza co BNG, ERC e sectores canarios, e fixo a mesma proposta "para ir ás eleccións españolas". "A fase histórica na que a esquerda independentista acudía ao Congreso dos Deputados en termos de partido concluíu", asegurou.

Arnaldo Otegi chamou a "todo o mundo a sacar esta conclusión". "Estou absolutamente convencido de que o independentismo de esquerdas catalán, vasco e galego vai xogar esta partida xuntos, e que xuntos no Congreso e no Senado imos ser determinantes para moitas cousas", aseverou.

Segundo indicou, o PNV "non ten ningún interese en concorrer conxuntamente" neste tipo de operacións. Tras sinalar que "é respectable", cre que os jeltzales prefiren primar a idea de negociar como partido co Goberno "e non como unha suma de forza que reivindique unha axenda nacional vasca".

Aínda que admite que haberá que ver os "problemas técnicos" para a suma de vascos, cataláns, galegos e canarios, considera que, se hai vontade política para "xogar unha partida decisiva no Congreso e Senado de maneira conxunta", vai ser posible buscar algunha formulación. Ao seu xuízo, os mínimos a defender entre eles serán "o dereito de autodeterminación, a liberdade dos presos e que se imposibiliten máis recortes sociais".

"O BLOQUE REACCIONARIO"

Otegi sinalou que o "bloque reaccionario" ao que hai que facer fronte é o da manifestación de Colón, "que está na involución democrática". Pola contra, cre que o PSOE "non está aí". Con todo, apuntou que non ten confianza nos socialistas porque queren manter a situación como está. "Manterse como estamos vainos levar a dar pasos cara atrás. Eu vexo o lehendakari Urkullu e a este Goberno indo cara atrás", asegurou.

Presentación da candidatura de BNG, ERC e EH Bldu para as europeas. BNG
Presentación da candidatura de BNG, ERC e EH Bldu para as europeas. BNG | Fonte: Europa Press


Ao seu entender, na próxima lexislatura, no Estado poden darse tres escenarios: un, a suma das tres dereitas, a "involución"; outro é o pacto PSOE-Ciudadanos, cunha "involución máis baixa en calorías, dito de broma";  e a terceira é que o PSOE volva repetir a fórmula coa que está a gobernar agora e aí o independentismo pode ser decisivo". "Para esa terceira fórmula, a suma de cataláns, vascos e galegos, imos ser os que imos determinar, se dá a artitmética parlamentaria, cara a que lado se inclina o novo Goberno do Estado", manifestou.

Neste contexto, cre que EH Bildu "vai ser decisiva, xunto con ERC, o BNG e outras forzas políticas, e subliñou que esa é a súa "aposta". "O PSOE non vai poder gobernar na próxima lexislatura se non conta cos independentistas de esquerdas porque imos ser decisivos", manifestou. Ao seu xuízo, desta forma, pódese "reverter o conflito territorial e darlle unha solución en termos estratéxicos". Ademais, apuntou que eles permitirían "parar á dereita en seco e pór encima unha negociación co Estado en termos de país".

"O MALO OU O PEOR"

O coordinador xeral de EH Bildu afirmou que o que a disxuntiva histórica expón é "o malo ou o peor". "Ata cando temos que estar a esperar os vascos a que en Madrid decidan que tipo de Goberno queren?", preguntou, para deixar caer que, en función diso, parece que teñen ou non dereitos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

¿A canto vai o escano? Seica imos buscar escanos noutros "mercados" máis favorables para o BNG ? https://www.lavozdegalicia.es/notic...

1 Gamela

Villares propón ir xuntos ao Senado... e ninguén no BNG o toma en consideración! Pero vén Otegui a repañar votos para o Congreso e seguimos regalando o xénero...! Galiza está de saldo... e xa non acredita nela mesma, só pode ir de turiferaria dos vascos e cataláns ? Triste é o cantar que cantamos... máis que facer.... se outro mellor non hai...?