O PSdeG "apoiará" a Nadia Calviño como candidata pola Coruña se así o decide a dirección federal

Gonzalo Caballero asegura que "como regra xeral" os cargos que desenvolven funcións para o Goberno manterán as súas tarefas e non irán nas listas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que "apoiará" á ministra de Economía, Nadia Calviño, como cabeza de lista do Partido Socialista pola Coruña para as eleccións xerais si así o decide a dirección federal da formación e ela mesma.

"Ten todo o meu apoio para ser ministra de Economía, é unha magnífica ministra coa que a conexión co PSdeG foi estupenda e, sen dúbida, ten que seguir sendo a mellor ministra de Economía despois de abril", manifestou este xoves ao ser preguntado sobre a posibilidade de que Calviño, de orixe galega, encabece a candidatura do PSOE por esta provincia.

Nesta liña, o secretario xeral do PSdeG subliñou que se ela mesma e a dirección federal -a quen lle corresponde a aprobación das candidaturas para as Cortes xerais- "teñen o criterio de que a súa presenza no Congreso é positiva", o PSdeG "apoiará con plenitude esa decisión".

O xefe de filas dos socialistas galegos destacou que "o perfil profesional" e o "crédito" de Nadia Calviño "transcende" o Partido Socialista pola súa "tarefa de xestora no ámbito europeo". Por iso, sinalou que apoiará tanto a posibilidade de que sexa candidata pola Coruña, así como que poida ser designada para "outras responsabilidades de compoñente electoral".

Así mesmo, nunha comparecencia ante os medios na que explicou que "aínda están abertas todas as posibilidades" para a configuración das listaxes, volveu sinalar que o PSdeG cumprirá a norma de que cada militante "só pode ter un cargo de representación institucional de elección directa". "Iso é o que establecen os estatutos do PSdeG e é o que imos aplicar con total garantía de que quen está nunha cámara ou un concello non pode estar á vez noutra cámara ou concello", indicou.

CARGOS DA ADMINISTRACIÓN XERAL

Ademais, preguntado sobre se o Partido Socialista incluirá nas súas candidaturas para o 28 de abril os militantes que na actualidade desenvolvan cargos para o Goberno -como o delegado do Goberno, Javier Losada ou os subdelegados-, Gonzalo Caballero lembrou que a propia lei establece que non poden concorrer ás eleccións xerais "mentres estean a desenvolver o cargo".

Por iso, aínda que recoñeceu que "algún podería dimitir", sinalou que "como regra xeral" o partido manterá aos cargos referentes nos seus postos co convencemento de que "quen está a facer un magnífico labor" deberá seguir desenvolvéndoo "a partir de abril". "Pode haber algún caso que poida motivar algún cambio pero a perspectiva xeral é que quen está a facer tarefas de goberno importantes manteña as súas responsabilidades", apuntou.

"MOITO CAPITAL HUMANO"

Na rolda de prensa, Gonzalo Caballero puxo a disposición da dirección federal "todos os efectivos" do PSdeG co obxectivo de obter as mellores candidaturas, que serán elaboradas de forma paritaria, para conseguir "os mellores resultados posibles" na súa procura dun goberno de esquerdas tras a cita do 28 de abril.

Así mesmo, subliñou que o Partido Socialista de Galicia ten "moito capital humano" con "perfís de renovación, de experiencia, con homes e mulleres comprometidos". "Todos os militantes teñen claro neste momento que hai que contribuír a lume de biqueira para que Pedro Sánchez consiga gañar as eleccións", indicou.

"Que as candidaturas sirvan para dinamizar o noso voto, queremos candidatos comprometidos coa esquerda, preparados, dispostos a traballar, que teñan vocación de servizo público, que cumpran a idea dun militante-un único cargo", expresou.

28A.- O Psdeg 'Apoiará' A Nadia Calviño Como Candidata Pola Coruña Se Así L
28A.- O Psdeg 'Apoiará' A Nadia Calviño Como Candidata Pola Coruña Se Así L | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta