Novo récord de exportacións en 2018, cun 5,4% máis

Sobresaen os incrementos experimentados ao longo do pasado exercicio nas exportacións de sectores como os aparellos e material eléctrico.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

Galicia logrou en 2018 unha nova marca de exportacións, ao superar nun 5,4% o rexistro do ano anterior, e logrou tamén o maior número de empresas exportadoras e regulares da súa historia.

Así o destaca a Consellería de Economía nun comunicado de prensa no que sinala que as vendas ao exterior das empresas galegas sumaron o pasado ano máis de 22.857 millóns e creceron case o dobre que no conxunto estatal, onde se incrementaron nun 2,9%.

Segundo os datos publicados este xoves polo Ministerio de Industria, as exportacións, que superan por primeira vez a barreira dos 22.000 millóns, supoñen un 8% do total das exportacións con orixe en España.

Ademais, Galicia pechou o ano coa terceira mellor balanza comercial en termos absolutos, despois de País Vasco e Navarra, cun saldo positivo de 3.835,5 millóns de euros. "Isto é posible en boa medida grazas a que as pequenas e medianas empresas da comunidade apostan cada vez máis polos mercados exteriores", destaca o departamento autonómico.

"Nunca antes venderan ao exterior tantas compañías galegas, e así, en 2018 exportaron un total de 7.259 firmas, un 8,1% máis que en 2017. Destas, 2.498 son empresas exportadoras regulares, aquelas que exportaron no últimos catro anos consecutivos, unha cifra que é un 3,5% superior á do ano anterior", explica.

Sobresaen os incrementos experimentados ao longo do pasado exercicio nas exportacións de sectores como os aparellos e material eléctrico, cun 74,7%; a madeira e as súas manufacturas, cun 11,8%; a metalurgia, cun 9,9% e a automoción, cun 8%.

No tocante a destinos, no pasado ano destaca a evolución das exportacións cara ao OCDE, cun incremento do 6,6%; a OPEP, cunha subida do 12,1%; e o Mercosur, cun crecemento do 22%.

Por países, destacan os das vendas a Bélxica, cun aumento do 35,2%; Portugal e Polonia, cun 14%; Reino Unido, cun 13,3%; Italia, cun 10,4%; Francia, cun 6%; China, cun 6,7% e Xapón, cara a onde as exportacións se incrementaron nun 6,2% o ano pasado.

Estibadores. EUROPA PRESS - Arquivo
Estibadores. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta