Villares e Gómez-Reino certifican a escisión en En Marea e Anova, EU e Podemos xa pensan noutra marca electoral

O portavoz do partido instrumental e o de Podemos Galicia reuníronse no medio do conflito polas xerais, pero continúan a súa idea de ir separados. O sector crítico estuda opcións para a marca da coalición electoral e confía en darlle continuidade para as municipais

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2019 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

Os líderes de En Marea, Luís Villares, e Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, mantiveron esta semana un encontro no que achegaron posturas no medio do conflito entre os dous sectores da confluencia galega sobre como presentarse ás eleccións xerais e que, agás sopresa de última hora, suporá a división de En Marea en dúas candidaturas.

Noriega, Villares, Beiras, Yolanda Díaz, Paula Quinteiro e Gómez-Reino. EUROPA PRESS - Arquivo
Noriega, Villares, Beiras, Yolanda Díaz, Paula Quinteiro e Gómez-Reino. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

No entanto, tanto a dirección do partido instrumental como a de Podemos Galicia non renuncian ás súas posturas, que encamiñan a En Marea a escenificar a súa ruptura nos comicios do 28 de abril. Mentres os primeiros insisten en presentarse como partido político, a formación morada e Esquerda Unida traballan na reedición da coalición electoral das eleccións de 2015 e 2016, na que tamén participou Anova.

A cúpula da organización nacionalista que encabeza Antón Sánchez decidirá este sábado a súa postura definitiva, máis proclive a unirse á coalición que propoñen Podemos e EU que a participar da candidatura do partido instrumental, con cuxa dirección, encabezada por Luís Villares, manteñen diferenzas desde hai xa dous anos.

Así as cousas, a coalición do sector crítico deberá buscar unha nova marca electoral, xa que o nome 'En Marea' —empregado nas xerais de 2015 e 2016— está baixo o control do partido instrumental de Villares.

NOVA MARCA

Fontes do sector crítico sinalan que están sobre a mesa varias opcións para denominar o novo proxecto a través dunha marca que pretenden que teña continuidade máis aló destas xerais.

Así, estas fontes apuntan á posibilidade de que esa nova denominación poida ser empregada como 'marca paraugas' para reunir votos das candidaturas municipalistas de cara a aumentar a súa presenza nas deputacións provinciais.

De ser así, a nova marca promovida polo sector crítico competiría electoralmente o próximo 26 de maio con En Marea, que, desde hai case un ano, se ofrece como "paraugas" a aqueles proxectos municipalistas que o soliciten.

MARCOS CAL

Por outra banda, o deputado de En Marea e membro de Podemos Galicia Marcos Cal aseguraba este venres, que "a mellor fórmula" para presentarse ás eleccións é a coalición porque "foi a que mellor funcionou" nos diferentes procesos.

"A proposta que mellor funcionou foi a de coalición. Non entendo que Villares diga que a que mellor funciona é a de partido instrumental cando (nas autonómicas de 2016) logrou moitísimos menos votos que a coalición (das xerais)", asegurou.

Cal, que participa na executiva da formación morada en Galicia, resultou electo para ocupar un posto a dirección de En Marea. Un cargo que, do mesmo xeito que o resto de elixidos pola lista 'Entre Todas', non asumiu porque a candidatura crítica non recoñece o resultado das eleccións internas nas que Villares renovou o seu liderado.

Agora, acusa a dirección de Villares de "non estar centrados na realidade" e asegura que "o partido instrumental non chegou a funcionar como tal". Neste sentido, afirma que Podemos, Anova, Esquerda Unida ou "os alcaldes" —en referencia aos rexedores da Coruña, Santiago e Ferrol— "nunca chegaron a participar da vida orgánica" de En Marea, partido instrumental creado no verán de 2016 baixo o impulso, precisamente, dos chamados 'alcaldes do cambio' co respaldo de Anova e o seu principal referente, Xosé Manuel Beiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Estamos lonxe do "home novo" que vaticinaba Marx aló polo 1859 cando escribía a súa "Contribución á crítica da economía política", esta esquerda actual dí loitar contra as políticas neoliberais mentras cobran soldos de infarto por facer crítica do sistema. Os salarios no sistema capitalista representan a capacidade de xerar "plusvalía" ao capital pero estes "novatos" o único que fan é criticar esa mesma competitividade mentras embolsan salarios que non merecen. Existe unha grosa contradicción que calquera é capaz de detectar: se o sistema é tan perverso, ¿por que son eles os primeiros en beneficiarse dos salarios deseñados para producir máis e mellores taxas de ganancia ao capital? A dereita leva toda a vida embolsando eses mesmos salarios e transferindo cartos públicos ás contas de resultados das empresas privadas nas que descansarán ate a xubilación! Non sabiamos que esta "nova esquerda" tamén estaba dacordo no tema! https://i.gal/gamela05