Protesta en Narón contra o peche de Poligal, que deixaría sen emprego a máis dun cento de traballadores

O comité denuncia os xeitos da emrpesa de anunciar o peche, por videoconferencia. Tiveron o apoio de En Marea e de Tega.

Por E.P. | Narón | 23/02/2019 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

Coa lema 'Poligal non se pecha, preto de 250 persoas concentráronse o mediodía deste sábado na praza de Galicia de Narón (A Coruña), para reclamar que non se clausuren as instalacións da empresa situadas no polígono industrial da Gándara, que conta con 108 traballadores indefinidos, ademais doutros 5 con contrato temporais e persoal de compañías, e que depende do grupo catalán Peralada.

O presidente do Comité de Empresa, Rafael Souto (UXT), explicou que a protesta chega despoués de que o venres 22 de febreiro, "de maneira sorpresiva, por videoconferencia", se lles anunciara a presentación dun concurso de acredores e o peche das instalacións, cando estaban a dar "a coñecer o novo comité de empresa".

Souto incidiu en que a partir deste momento teñen previsto "realizar concentración e mobilizacións, para que desde Barcelona vexan que están en contra deste peche", ao estimar que esta decisión se debeu "a que están a xogar co grupo de empresas que teñen".

Así, o representante sindical lembrou que a compañía conta cunha planta en Portugal e outra "recentemente estreada en Polonia, nas que investiron máis de 40 millóns de euros", mentres na de Narón "están a negar todo, xa que existía un plan de viabilidade, por sentenza xudicial, no que se lles obrigaba a investir cinco millóns de euros, algo que non fan nin queren facer".

Tamén asegurou que esta medida non lla esperaban e colleulles "a todos por sorpresa". A pesar de que "as máquinas son obsoletas", remarcou que non contaban con esta decisión.

DESLOCALIZACIÓN

O representante de UXT tamén denunciou que parte da produción que tiñan levárona "estes días" para a planta de Portugal". "Nós temos traballo e así os compañeiros que estaban a facer determinadas tarefas tiñan traballo para varios meses, cunha produción contratada e con clientes", apuntou, "varios camións foron desviados e hai almacenado no exterior da planta unhas 160 toneladas" de material elaborado.

Souto trasladou, nunha comparecencia ante os medios, que a empresa lles concedeu aos traballadores un permiso retribuído, para que non vaian traballar, que non aceptaron. Ante isto, presentaranse "na planta todos os días e segundo as quendas" establecidas.

A parte social tamén criticou que a principios de 2018 a dirección de Poligal presentase un plan industrial "cuns plans de expansión, pero nunca contando coa planta de Narón, a pesar de ser a matriz e a que máis especialidades ten e referencia, e que por agora non poden facer as outras dúas plantas", situadas en Arcos de Valdevez (Portugal) e Polonia.

APOIOS

Na concentración deste sábado tamén estiveron presentes deputados de En Marea e responsables do goberno de Narón, onde o seu primeiro tenente de alcalde, Guillermo Sánchez (TeGa) asegurou que "isto foi unha sorpresa" e que apoiarán aos traballadores. "Agardemos que este tipo de empresas, que sempre están a pedir subvencións, que esta decisión non sexa por este motivo", agregou.

NOVA MOBILIZACIÓN

A próxima mobilización convocada terá lugar o vindeiro luns, 25 de febreiro, cunha marcha que partirá ás 10,00 horas desde a fábrica dedicada á produción de filme de polipropileno para o sector da alimentación, e que se dirixirá ao Concello de Narón, onde os integrantes do comité de empresa serán recibidos polos portavoces municipais.

Fábrica de Poligal en Narón
Fábrica de Poligal en Narón | Fonte: Nemigo Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta