Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2019 | Actualizada ás 15:42
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, adiantou que o seu partido presentará ao Parlamento unha proposición de reforma da lei de normalización lingüística para "blindar" o galego no ensino e que sexa a lingua vehicular en Galicia, e pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "abandone a subordinación" ao presidente do Partido Popular, Pablo Casado, "porque non se pode lexislar a lingua galega desde Madrid".
Tal como asegurou Pontón este luns, o galego "ten futuro" xa que "hai unha base social moi identificada co idioma". Con todo, lamentou que na xeración máis nova e, sobre todo no ámbito urbano, "haxa unha perda de galegofalantes".
"Que isto pase non é unha responsabilidade das familias. Hai unha responsabilidade colectiva. Nesta evolución ten moito que ver a política lingüística que se seguiu desde a Xunta de Galicia nos últimos anos e que están a alertar que o decreto mal chamado do plurilingüismo é o decreto da vergoña, que significa retroceder nos usos do galego e é necesario revisar esta política lingüística", apuntou.
Así, o BNG sinalou que é necesario "actuar canto antes" e "blindar a lingua galega ante os ataques que mesmo cuestionan o marco actual e as competencias que ten Galicia en materia educativa" (en relación á proposta do presidente do Partido Popular, Pablo Casado, de recentralizar as competencias educativas).
"Vemos con moita preocupación como nestas últimas semanas esa 'tridereita' españolista (PP, Ciudadanos e Vox) está a lanzar de novo ataques que pon en cuestión o futuro da nosa lingua", criticou a portavoz nacionalista, quen engadiu que estes partidos "volven con mentiras e prexuízos que nada teñen que ver coa realidade galega" xa que, ao seu xuízo, "se unha lingua está discriminada é a galega" (no marco de que o líder de Ciudadanos, Albert Rivera, defendeu que o castelán será lingua vehicular en toda España se chega ao Goberno).
Entre as propostas que recollerá o BNG, atópase a de "blindar" o dereito dos nenos galegos a ter competencias "plenas" en lingua galega, que a lingua galega sexa o idioma vehicular no ensino, así como outros aspectos que xa se incluían no Plan Xeral de Normalización Lingüística, "para dar un paso adiante nun ámbito tan importante e sensible".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.