Continúa a fuga de cargos do PP galego a Ciudadanos

Montse Lama, exconcelleira en Xinzo de Limia e exdeputada provincial polo Partido Popular, ficha polos laranxas. Acusa a Feijóo de "mentir" sobre estas marchas. Ciudadanos baralla o nome da xornalista Mónica Martínez como posible candidata ao Congreso pola Coruña

Por Galicia Confidencial | Ourense | 25/02/2019 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

O fluxo de militantes e cargos do PP galego cara a Ciudadanos non cesa. A exconcelleira en Xinzo de Limia (Ourense) e exdeputada provincial polo Partido Popular Montse Lama anunciou na mañá deste luns a súa incorporación ao proxecto de Ciudadanos en Xinzo de Limia, aínda que non concretou se será a candidata nas eleccións municipais do mes de maio. Faino cinco días despois de comunicar a súa renuncia aos cargos na formación popular e a súa baixa da militancia

O secretario de organización de Ciudadanos en Galicia, Laureano Bermejo, e Montse Lama
O secretario de organización de Ciudadanos en Galicia, Laureano Bermejo, e Montse Lama | Fonte: Europa Press.

Acompañada polo secretario de organización de Ciudadanos en Galicia, Laureano Bermejo, Montse Lama dixo que o proxecto que lle expuxo este partido "engloba o rexeitamento absoluto a actitudes políticas intolerantes e  sectáreas" que "aínda perduran en moitos partidos políticos"

"Racha coas políticas conservadoras, é moderno e moi transparente e mantén unha unión e proximidade cos cidadáns que ningún outro partido ten", destacou a exdeputada do Partido Popular, quen puxo en valor, ademais, o "impulso" e "traballo" que fai Ciudadanos para coas mulleres.

"Ciudadanos cre nas mulleres e empurra a que estean en postos importantes de xestión política; a muller ten un papel importante nesta cuarta revolución industrial e na política, e así o ve Ciudadanos"; engadiu Montse Lama antes de sinalar que non lle faltan "proxecto, ideas nin ilusión" para "traballar e dar cara a unha nova política".

"O paso que tomei estas semanas atrás foi moi difícil e moi duro, pero quero volver dicir alto e claro que fun, son e serei forte e moi valente, teño moitísimo que ofrecer e moitísimas ganas de traballar. Agora mesmo, é o momento de facer as cousas doutra maneira", revelou.

Pola súa banda, Laureano Bermejo agradeceu a Montse Lama "o paso que deu", xa que "é importante e difícil na súa vida política", e destacou que a exdeputada do PP "marca un referente na vida política da provincia de Ourense" e "ten moito que achegar ao proxecto de Ciudadanos por experiencia, valía, capacidades e valentía".

Laureano Bermejo avanzou que "o primeiro" que se vai a facer é "implantar o partido en Xinzo de Limia", no cal Montse Lama "será a coordinadora do grupo local". "A partir de aí, elevarase unha proposta ao executivo nacional, previo paso do comité autonómico, que ten que ratificar a posible candidatura de Montse Lama", apostilou.

Preguntada pola posible incorporación doutros membros do Partido Popular ao proxecto de Ciudadanos en Xinzo de Limia, Lama limitouse a animar a que dean o paso de abandonar os seus partidos aquelas persoas que estean "desconformes", pero non avanzou se se producirán máis cambios de formación similares ao seu.

ACUSA A FEIJÓO

Lama acusou o presidente da Xunta de Galicia e presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e ao secretario  xeral do PPdeG, Miguel Tellado, de utilizar "unha estratexia baseada nunha mentira para salvagardar as paredes" da formación á que pertencen, xa que ela "non" se foi por non ser a candidata do PP en Xinzo de Limia.

"Vou repetir as veces que faga falta: non me fun do Partido Popular porque non fose a candidata de Xinzo, nin tan sequera me presentei, funme por cousas evidentes que creo que expliquei moitísimas veces. Pídolle ao señor Feijóo que abandone dunha vez esas políticas ancestrais, que non lle benefician nada", subliñou.

PACTO DE CIUDADANOS E PP

Sobre un posible pacto de Ciudadanos co Partido Popular na Deputación de Ourense, Laureano Bermejo deixou claro que a formación non pactará "cunha persoa en concreto" ou "cun partido político", senón "con políticas que defendan a cultura ou o beneficio dun Concello".

"Cando esteamos nas institucións e teñamos os votos necesarios para poder decidir os pactos, se cadra son eles os que queren pactar connosco e os que teñen que aceptar o noso ideario e as nosas propostas", comunicou o secretario de organización de Ciudadados.

En relación a isto, Elvira Lama deixou claro que "calquera persoa ou formación" política "non pode pactar cun partido no que siga mandando ou estea ninguneado por unha persoa que cometeu un delito de prevaricación", destacou en alusión ao  exalcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, condenado a oito anos e medio de inhabilitación por un delito continuado de prevaricación.

"No PP de Xinzo de Limia segue traballando e organizando o partido unha persoa que  prevaricou. Ciudadanos non está á beira de políticos que cometen ese tipo de delitos", concluíu Montse Lama.

A CORUÑA

Na Coruña, Ciudadanos baralla o nome da xornalista Mónica Martínez Lema como posible candidata do partido ao Congreso por esta provincia, segundo fontes da formación, que descartaron que o seu nome soe como posible candidata á Alcaldía coruñesa.

En canto á posibilidade de primarias, lembraron que os requisitos para a celebración das mesmas "é que haxa 400 afiliados mínimos" e que estes teñan "máis de seis meses de antigüidade na súa afiliación". Con todo, dixeron que non se trata de algo que estea "concretado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Violeta 4

O problema é que van seguer facendo a mesma política caciquil e pepera en Ciudadanos