A Garda Civil da Coruña investiga sete investigados por estafas telemáticas, entre eles un menor

O caso abriuse a raíz dunha denuncia interposta en Arteixo por un particular. Os casos van desde cargos na conta bancaria ata acordos de compra dun produto do que non se volveu saber nada logo de realizar o pagamento

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O Equipo de estafas telemáticas da Compañía da Garda Civil na Coruña procedeu á investigación de sete persoas por este delito, entre elas un menor. O procedemento iniciouse a raíz dunha denuncia interposta por un particular en Arteixo.

Axente da Garda Civil
Axente da Garda Civil | Fonte: Arquivo Europa Press

Segundo informou o Instituto Armado, no primeiro dos casos, un home denunciou no Cuartel da Garda Civil de Arteixo que unha coñecida empresa de préstamos lle cargara máis de 5.000 euros na súa conta.

Por todo iso abriuse unha investigación, grazas á que se puido saber que unha parella da provincia de Córdoba utilizara os datos da vítima para contratar dous préstamos e, posteriormente, gastar o diñeiro en produtos electrónicos. As mesmas fontes indicaron que un dos autores dos feitos é natural de Carballo (A Coruña), aínda que "non existe relación algunha coa vítima", engaden.

Outro dos ilícitos penais foi denunciado ante a Garda Civil de Culleredo, onde unha muller manifestou sufrir unha serie de cargos na súa conta dos que descoñecía a procedencia. "Tras a investigación, púidose saber que un menor de idade se apoderou dos datos da tarxeta da vítima para comprar cinco xogos de videoconsola", matizou a Benemérita.

Entre os investigados tamén se atopa unha "presunta estafadora xenérica" residente na illa de Tenerife, quen acordou cun veciño de Arteixo a venda dun coñecido robot de cociña. "Unha vez que a muller recibiu o ingreso da compra na súa conta bancaria, cortou todo tipo de comunicación co comprador", concreta a Benemérita.

Outro caso similar, por tratarse dun estafador xenérico, foi co que se deu ao investigar por estafa un home que cumpría pena de prisión no Centro Penal de Teixeiro e quen tamén fora vinculado como autor a un total de 69 ilícitos penais da mesma índole noutras ocasións.

Os outros dous investigados tamén estafaron os seus compradores tras recibir a transacción de venda por un produto inexistente, "cortando toda vía de comunicación", conclúen as mesmas fontes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta