Unha operación antifurtivismo na costa galega requisa unha tonelada de ourizos en menos dunha semana

Segundo a Xunta, esa mercancía "alcanzaría un valor estimado no mercado de máis de 5.700 euros". Tamén se confiscaron centos de quilos doutras especies, como mexillóns ou berberechos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

O servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisou máis de 950 quilos de ourizo e 433 quilos doutras especies en distintos controis realizados na costa galega entre o 18 e o 24 de febreiro.

Tal como sinalou a Xunta nun comunicado, nestes controis tamén se confiscaron 257 nasas e 47 pezas de trasmallo. "Só o ourizo comisado alcanzaría un valor estimado no mercado de máis de 5.700 euros", indicou o Executivo autonómico.

As incautacións de ourizo producíronse na provincia da Coruña, no marco de operativos específicos coincidindo cos episodios de mareas vivas rexistrados no litoral galego durante a semana pasada. O máis numeroso foi na ría de Ferrol, en punta Roiba, onde axentes de Gardacostas e da Policía Autonómica requisaron un control en terra de 450 quilos de ourizo. O produto, aprehendido a sete persoas que foron identificadas, foi devolto ao mar.

O segundo operativo máis importante de ourizo foi na ría da Coruña, en Oleiros, e tamén por terra. Neste caso confiscáronse 288 quilos de produto.  Ademais, na ría de Ares-Betanzos, os axentes do servizo dependente da Consellería do Mar e a Policía Autonómica comisaron nun control combinado en terra e en mar 225 quilos de ourizo, así como 100 gramos de ameixa fina. Nel foron identificados catro persoas que carecían dos permisos para extraer este produto.

OUTRAS ESPECIES

Á marxe do ourizo, a ría de Muros e Noia foi o escenario dun "importante" operativo contra o furtivismo no que os axentes confiscaron 217 quilos de mexillón extraídos de forma irregular durante un control por terra na praia de Susiños.

Na ría de Arousa tamén se rexistraron varios controis coa incautación tanto de aparellos como de distintas especies. Nun deles, realizado no sur da ría, os axentes de Gardacostas confiscaron 84 nasas de madeira e 30 de PVC, así como 15 quilos de polbo e tres quilos de nécora.

Na ría de Pontevedra e na ría de Vigo tamén se requisaron diferentes especies extraídas de forma irregular. Pola súa banda, nun control de comercialización por estrada, na peaxe da AP-9 en Vilaboa, foron requisados 40 quilos de berberecho.

Os gardacostas galegos requisaron máis dunha tonelada de ourizo e outras especi. XUNTA
Os gardacostas galegos requisaron máis dunha tonelada de ourizo e outras especi. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta