En Marea, PSdeG e BNG, contra os ventres de aluguer

Os grupos da oposición no Parlamento galego esixen á Xunta e Goberno central un posicionamento en contra da legalización desta práctica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición no Parlamento galego mostráronse de acordo este martes en esixir tanto á Xunta como, a través da Administración galega, ao Estado, un posicionamento en contra da legalización dos coñecidos como 'ventres de aluguer', unha cuestión na que o PP se decantou por promover o consenso a nivel europeo.

Matrona atendendo un embarazo
Matrona atendendo un embarazo | Fonte: remitida

Foi a deputada do BNG Olalla Rodil a que levou á primeira sesión do pleno desta semana unha proposición non de lei na que se reclama a oposición da Xunta á posibilidade de legalizar esta práctica en España, así como a intercesión ante o Goberno central co mesmo fin.

Na súa intervención, Rodil asegurou que esta práctica "reduce as mulleres a un corpo xestante" e aos nenos, ao froito "dun contrato de compravenda", algo que se opón á "idea dulcificada" e "banalizada" que se difunde a través dalgúns sectores.

"A partir do momento da firma do contrato, as mulleres perden toda posibilidade de adoptar ningunha decisión sobre o seu corpo, desde alimentación a estilo de vida ou sobre manter ou non relacións sexuais", indicou Rodil, que mencionou casos como o de Ucraína, no que as empresas que ofertan este tipo de prácticas promociónanse asegurando que "monitorean e vixían con cámaras as mulleres xestantes durante 24 horas".

Para o BNG, este é "un debate profundo que incumbe aos máis elementais dereitos das mulleres" e dos nenos nados como resultado, para o que a deputada leu un contrato no que se especifica o pago a maiores a realizar se se desexa "reducir" un embarazo de trillizos ou xemelgos a "fillo único". "Ter descendencia biolóxica non pode ser concibido como un dereito", dixo.

Na mesma liña pronunciáronse tanto a deputada do PsdeG Patricia Vilán como a de En Marea Paula Quinteiro, que avanzaron o seu voto favorable este mércores á iniciativa.

No caso de Vilán, asegurou que "legalizar os ventres de aluguer implica vulnerar os dereitos das nais e dos fillos", unha práctica que "prexudica a aquelas mulleres que son máis novas, máis pobres e con maiores necesidades económicas".

Paula Quinteiro considerou esta práctica a "comercialización extrema dos corpos das mulleres e dos nenos" e rexeitou falar de "igualdade" nun "contexto de desigualdades extremas", indicando que as mulleres xestantes son as que teñen unha maior necesidade económica.

REGULAMENTACIÓN EUROPEA

Pola súa banda, a deputada do PP Paula Prado chamou a atención sobre a necesidade de realizar un debate máis profundo ao redor desta cuestión e cunha "regulamentación máis ampla".

Neste sentido, incidiu en que a lexislación difire entre os países europeos, polo que instou a "resolver este problema na Unión Europea". O PP, explicou, reclama que sexa o Parlamento Europeo "o que se manifeste" sobre unha cuestión que, admitiu, "non é fácil".

"Queremos unha regulamentación para este asunto clara, porque neste momento non a hai", dixo Prado, que mencionou o grupo de expertos da Haia que traballa sobre a cuestión sen que aínda exista un consenso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

O dos ventres de aluguer é ilegal en España. Así que a movida do BNG está fora de lugar.