Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 20:27
O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que nas eleccións xerais do próximo 28 de abril "haberá unha papeleta de En Marea que representará a todo o espazo político" e na que haberá "xente que simpatiza e milita" en Anova, Podemos e Esquerda Unida, organizacións que, con todo, seguen adiante co seu plan de reeditar unha coalición electoral e non presentarse baixo o paraugas do partido instrumental.
Nunha entrevista este martes na TVG, Villares afirmou que "a marca que está consolidada en Galicia é En Marea, a xente sabe que engloba o espazo político do cambio". Por tanto, o maxistrado en excedencia chama ás direccións de Anova, EU e Podemos a recoñecer que presentarse como En Marea "é a mellor opción" para concorrer ás eleccións xerais.
Con todo, ningún do tres partidos que formaron a alianza electoral que se presentou ás xerais de 2015 e 2016 contempla esta posibilidade e apelan a que a unidade debe darse baixo a fórmula da coalición.
"A fórmula en política é moi importante", aseverou o maxistrado lucense este xoves durante a entrevista, na que lembrou que En Marea naceu como partido instrumental para "superar" o modelo de coalición e "permitir" a dobre militancia e a participación de persoas non adscritas a organizacións políticas.
ALEXANDRA FERNÁNDEZ
Luís Villares recoñeceu que lle "gustaría" que a deputada no Congreso Alexandra Fernández encabezase a lista de En Marea pola provincia de Pontevedra, polo que convida á parlamentaria a "candidatarse" nas primarias do partido instrumental, que pechan o seu prazo de presentación de candidaturas o vindeiro xoves 28 de febreiro.
Fernández, militante de Anova aínda que enfrontada á súa dirección, foi a única parlamentaria de En Marea que seguiu as directrices marcadas pola cúpula do partido instrumental na votación sobre as emendas á totalidade dos orzamentos do Estado.
Afastada dos seus compañeiros no Congreso, aos que chegou a criticar abertamente durante o último plenario de En Marea, Alexandra Fernández realizou a pasada semana un chamamento á confluencia do partido instrumental e o BNG para a creación dunha "única candidatura" das "forzas de obediencia galega".
PODEMOS E ESQUERDA UNIDA
Pola súa banda, os actores da coalición electoral que en 2016 logrou cinco deputados continúan cos pasos para a reedición desa fórmula para o 28 de abril. Mentres Anova segue chamando á creación dunha "fronte ampla", Podemos xa conta con cabezas de lista en, polo menos, tres das catro provincias galegas e a dirección de Esquerda Unida abordará este mércores a situación actual.
Así, nas primarias celebradas a nivel estatal polo partido morado no mes de decembro resultaron electos os actuais deputados Antón Gómez-Reino (A Coruña) e Ángela Rodríguez 'Pam' (Pontevedra). Así mesmo, tamén foi elixida a ex-concelleira de Ourense en Común Ledicia Piñeiro, que no proceso de primarias de Podemos logrou máis apoios que os actuais parlamentarios de En Marea no Congreso.
Pola súa banda, Esquerda Unida reúne este mércores á súa executiva para abordar a celebración da consulta, organizada a nivel estatal, na que a organización preguntará á súa militancia sobre as alianzas para o 28 de abril, un proceso que se celebrará paralelamente ás primarias para a elección de candidatos
Con todo, fontes do partido que encabeza Eva Solla sinalan que a consulta terá un carácter propio en Galicia e que aínda está por definir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.