Denuncian a pasividade do alcalde de Touro ante a contaminación das augas que pasan pola antiga mina

A Garda Civil e a Policía Autonómica realizan inspeccións dos regatos das correntes que atravesan as explotacións mineiras.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 27/02/2019 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON enviou un comunicado onde anuncia que se ve “na obriga de denunciar públicamente a persistencia da potencial contaminación en distintos puntos da contorna da mina de Touro”. Toda vez que tamén denuncian que “o alcalde recoñece que existe, así como a pasividade ao respecto dos poderes públicos competentes”.

Río Portapego, en Touro, con verteduras derivadas da mina
Río Portapego, en Touro, con verteduras derivadas da mina

O pasado martes o rego Pucheiras, no tramo que pasa pola aldea de Arinteiro procedente da mina, “adema da súa xa habitual cor esbrancuxada, discorría cun caudal máis abundante do normal, sobre todo tendo en conta que hai días que non chove”. Xunto a isto, a Plataforma contraria á mina apunta tamén que “as súas augas desprendían un forte cheiro”. A isto suman que á altura da igrexa parroquial de Loxo, “o rego ía totalmente desbordado”.  Debido a esta situación, a veciñanza avisou aos servicios de emerxencias. Así, “persoáronse no lugar axentes do Seprona da Garda Civil e Policía Autonómica que, logo de tomar mostras das augas, dirixíronse á mina a proseguir coa investigación”.

O Pucheiras non é o único afluente do Ulla afectado pola actividade de Cobre San Rafael. O rego Portapego, ó seu paso polo núcleo urbano de Fonte – Díaz, “segue levando a mesma cor alaranxada pola hiperacidez coa que baixa da mina”. Do mesmo xeito que “a balsa de Bama segue aínda vertendo cara o río Brandelos, logo de múltiples denuncias sen que se tomasen medidas para evitalo”.

Os colectivos denuncian que o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, “leva 30 anos mirando cara outro lado e sendo cómplice dos presuntos delitos medioambientais nos que a promotora da mina de cobre incorre constantemente”. A Plataforma denuncia que Codesido ofreceu unha entrevista onde “demostra unha vez máis velar polos intereses da promotora da mina, promocionando as parcelas do polígono da súa propiedade” e remarcan que dá “por sentado que a Xunta vai aprobar o proxecto de explotación mineira”. Apuntan tamén que a situación na que quedaría a contorna veciñal con grandes balsas e muros de contención “non lle quita o sono así como tampouco parecen preocuparlle os empregos que se poderían destruír no concello por incompatibilidades coa actividade mineira”.

Sobre os compromisos medioambientais que a empresa Cobre San Rafael puidera ter comprometido co Concello de Touro, a Plataforma Veciñal apunta que  “as últimas noticias coñecidas ó respecto son que non hai acordo asinado de ningún tipo” onde Cobre San Rafael asuma “algunha obriga co Concello”. Isto fai que as asociacións e plataformas veciñais vexan “complicado imaxinar que mecanismos vai empregar Codesido para esixirlle posibles responsabilidades á empresa chegado o momento”. Tampouco entenden a insistencia do alcalde de Touro sobre a empresa en que “teñen que restaurar os danos que deixou a anterior explotación mineira”. Segundo a Plafaforma Veciñal Ignacio Codesido sabe “que o Proxecto Touro non contempla sequera actuacións sobre a balsa de Angumil ou sobre o rego Portapego”.

Por último, a Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non, denuncia que “a Xunta de Galicia segue a poñer trabas no acceso á documentación do expediente, incumprindo as obrigas de transparencia e conculcando o dereito de acceso á información dos cidadáns que así o teñen recoñecido”. Ademais diso, acusan ao Executivo galego de seguir alongando “os prazos de resolución do procedemento, pospoñendo a decisión sobre o futuro de Touro e O Pino presumiblemente de xeito electoralista”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta