Dous homes asaltan a punta de coitelo unha farmacia en Ourense

Foi a propia vítima quen alertou á Policía Nacional, que logo detivo os individuos, ambos con antecedentes

Por E.P. | OURENSE | 27/02/2019 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional detiveron a dous homes con antecedentes como presuntos autores dun delito de roubo con violencia e intimidación perpetrado a punta de coitelo nunha farmacia da cidade de Ourense.

Segundo informou a Policía Nacional, os feitos que motivaron a detención comezaron o pasado 23 de febreiro ás 19,15 horas a raíz da chamada dun empregado dunha farmacia situada na zona das lagoas de Ourense. O home informou ao 091 de que fora vítima dun roubo con intimidación por parte de dous individuos.

Mentres se atopaba na parte de atrás do local, accederon dúas persoas, ás cales se dirixiu para atendelas. Porén, penetraron na parte interior do mostrador, un deles cun coitelo "de grandes dimensións", relata a Policía. "En ton ameazante" díxolle: "isto é un atraco, dáme o diñeiro".

Segundo aseguran as mesmas fontes, o denunciante púxose "nervioso"  e solicitou axuda a berros. O segundo home, que portaba luvas vermellas, tapoulle a boca, empuxouno e acantoouno. Ese intre foi aproveitado polo outro individuo, que accedeu a unha das caixas rexistradoras para abrir e subtraer diñeiro. Logo diso aínda lle pediu máis cartos á vítima. Unha vez co diñeiro no seu poder, os atracadores saíron do local tras advertir ao empregado que non se movese nin saíse detrás deles.

Axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da Comisaría Provincial de Ourense solicitaron información do lugar e testemuñas do feito, o que permitiu a identificación dos dous presuntos autores do roubo con violencia e intimidación perpetrado na farmacia. Foron detidos o 25 de febreiro ás 18,35 horas no barrio de Covadonga e interviñéronllesnun cacheo a cantidade de 208 euros.

REXISTRO


O 26 de febreiro os policías integrantes do grupo de investigación levaron a cabo a práctica da dilixencia de entrada e rexistro no seu domicilio, onde interviñeron un coitelo e roupa que coincide coa descrita pola vítima o día do feito.

Os detidos son un home de 52 anos de idade, natural de Ourense e cun arresto anterior, e outro de 36 anos, da mesma procedencia e ao que lle constan 11 antecedentes anteriores. Pasaron este mércores a disposición xudicial.

Coche da Policía Nacional. ARQUIVO
Coche da Policía Nacional. ARQUIVO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta