A oposición acurrala a Feijóo cos pactos "secretos" con Vox, o machismo e os abortos

Feijóo valora insiste en destacar os "avances" da Xunta en igualdade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2019 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este mércores no Parlamento de Galicia os "avances" do seu Goberno en materia de igualdade de xénero, mentres os grupos da oposición --En Marea, PSdeG e BNG-- pedíronlle que se "desmarque" do discurso "involucionista" e "machista" do presidente do PP, Pablo Casado.

A folga feminista convocada para o próximo 8 de marzo e a natalidade foron os temas centrais da sesión de control ao Executivo galego no Pazo do Hórreo, no que os portavoces dos grupos de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón, respectivamente, afearon a Feijóo o seu "intento de boicotear" a folga do ano pasado.

En concreto, a líder do Bloque lamentou que o PP lles "insultase" cando a oposición apoiaba as protestas "chegando a dicir que a folga era machista e elitista". "Vostede tentaba boicotearnos cuns servizos mínimos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou abusivos e maliciosos", esgrimiu.

Ademais disto, Ana Pontón afeou ao presidente da Xunta e do PPdeG que "axite un discurso involucionista contra as mulleres" que, ao seu modo de ver, promove o líder do PP nacional coas súas declaracións sobre o embarazo e o aborto.

"Non me sorprende este discurso se temos en conta cal é o seu balance de Goberno en materia de igualdade. As propostas que o PP está a pactar coa extrema dereita en Andalucía vostede (Feijóo) xa leva dez anos aplicándoas aquí", asegurou a portavoz nacional do BNG.

FEIJÓO "AMORDAZA" ÁS MULLERES

Pola súa banda, o portavoz de En Marea reduciu a "fume de contrabando" as políticas da Xunta en igualdade e censurou os "recortes" en liberdade de expresión ao "amordazar" ás mulleres durante a folga do 8M de 2018. Seguidamente, tachou de "decenio negro para a igualdade" os dez anos que o PP leva á fronte do Goberno galego, con "ningunha política económica efectiva" contra unha crise económica "que afectou máis as mulleres" que aos homes.

"A súa promiscuidade con Vox está a levar a dar pasos atrás na loita contra a violencia de xénero. Pedímoslle desde En Marea que recapacite e que rectifique, que aínda está a tempo", dixo Villares. Durante a réplica, Feijóo lembrou que "unha mentira repetida mil veces, por moitas veces que se repita, nunca será unha verdade", engadindo que "dos 120 departamentos que tiveron servizos mínimos" o 8M de 2018, o TSXG dixo "que eran correctos" o 96 por cento.

"É bo acatar as sentenzas, somos demócratas", manifestou, para despois criticar o "sectarismo político" da oposición por tachar a xustiza de "franquista": "Quedan vostedes absolutamente inhabilitados para falar de sentenzas, da Constitución, do Estado de dereito e de respecto ao poder xudicial".

Deste xeito, o titular da Xunta aproveitou a súa intervención para reivindicar a xestión do seu Goberno en materia de igualdade, xa que, segundo as súas cifras, "nunca houbo tantas mulleres en Galicia afiliadas á Seguridade Social en Galicia" --máis de 480.000--, mentres a taxa de paro feminina é un 3,5% menos que no resto de España, entre outros parámetros que nomeou. "Ocultan que oito de cada dez mulleres traballan a xornada completa", afirmou.

A XUNTA INVISTE "UN 67% MÁIS EN IGUALDADE" QUE O BIPARTITO

Ademais, defendeu que o seu Executivo "inviste un 67% máis en igualdade" que o bipartito e promove plans de coeducación, así como posibilidades de conciliación en Galicia, con "24.000 prazas en gardarías" públicas autonómicas.

"Exactamente, de que se nos acusa? De ser o PP? De que este PP é un partido democrático que gaña as eleccións cada catro ano porque a maioría das mulleres votan ao PP de Galicia? (...) Agora hai convocada unha folga, imos respectala por suposto. Seguramente moitos militantes do PP participarán nos paros e nas mobilizacións", asegurou.

Tras a intervención de Feijóo, a portavoz do BNG lamentou que o presidente da Xunta "non dedicase nin medio minuto a desmarcarse do machismo verbal de Pablo Casado", porque as mulleres "non necesitan que ningún home lles diga que é estar embarazadas ou que significa abortar". Pontón tamén lle acusou de "non coñecer a realidade" do país, xa que en Galicia hai, de acordo cos seus datos, unha "brecha salarial" de 1.000 euros máis desde que o PP goberna a Comunidade.

Nestes termos, Villares demandoulle ao titular da Xunta "que explique na Cámara os pactos secretos que teñen con Vox para incumprir a lei de igualdade". Ao seu modo de ver, os populares "votaron en contra" de crear xulgados especializados en violencia de xénero "por unha razón", que é "o pacto secreto asinado con Vox polo cal, se non poden derrogar a lei de violencia de xénero, baléirana de contido".

"PURA IDEOLOXÍA RETRÓGRADA" DE CASADO

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, defendeu a súa pregunta apuntando á baixa natalidade en Galicia, que provoca que "cada vez son menos" as mulleres en idade de ter fillos. Tal e como asegurou, os nacementos en Galicia caeron no últimos dez anos máis do 25%.

"E agora escoitamos, señor Feijóo, ao imprudente líder do seu partido en España (Pablo Casado) dicir que a solución pasa por restrinxir os dereitos das mulleres. Non ten ningún sentido empírico en ningún sitio do mundo, pero segue insistindo niso, é pura ideoloxía retrógrada, nun retroceso en termos sociais. Ata Celia Villalobos marchou espantada" do partido, relatou.

Ante estas críticas, Feijóo reivindicou que a actual Administración autonómica é a que "máis recursos de conciliación" promove "da historia" da Comunidade, avanzando posteriormente que levará ao Parlamento de Galicia unha lei de demografía que partirá das conclusións do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica.

Tras iso, Leiceaga volveulle a pedir que "condene a afirmación do señor Casado" e adiantou a intención dos socialistas de traballar para "mellorar a lei" cando chegue ao Lexislativo. Con todo, advertiu que "non vai contar" co PSdeG para impulsar políticas que promove Pablo Casado.

Feijóo valora os 'avances' da Xunta en igualdade e a oposición pídelle 'desm. XUNTA
Feijóo valora os 'avances' da Xunta en igualdade e a oposición pídelle 'desm. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta