As enfermeiras galegas presentan 38 alegacións ao borrador de Atención Primaria, "o 50% das accións definidas"

Reivindican "unha dirección propia" para que "asuman o papel relevante que lles corresponde"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

As máis de 15.000 enfermeiras que exercen a súa profesión en Galicia -representadas nos Colexios profesionais de Enfermaría e nas sociedades científicas de enfermaría pediátrica, matronas e enfermaría familiar e comunitaria- unificaron criterios no relativo ao borrador de reforma de Atención Primaria. Presentaron un total de 38 alegacións, o que supón "o 50% das accións definidas" no documento da Consellería de Sanidade en relación á súa especialidade.

As enfermeiras galegas presentan alegacións ao borrador de Atención Primaria.. COLEXIOS DE ENFERMARÍA GALEGOS.
As enfermeiras galegas presentan alegacións ao borrador de Atención Primaria.. COLEXIOS DE ENFERMARÍA GALEGOS. | Fonte: Europa Press

Nunha reunión mantida este mércores en Santiago, os presidentes dos catro colexios de enfermaría  (un por provincia) e das sociedades acordaron as alegacións definitivas ao borrador. Entregáronas na mañá deste xoves á Consellería de Sanidade, segundo confirmaron as entidades.

"O borrador adoece de numerosas deficiencias e falta de concreción", sosteñen para mostrar de forma "unánime" a súa "desconformidade" co texto. Critican tamén o procedemento levado a cabo pola Consellería para a súa redacción. 

Os principais puntos de desencontro das enfermeiras co borrador "pasan, en primeiro lugar, por reformular a estrutura directiva", subliñan. "A creación dunha dirección propia faise imprescindible para que as enfermeiras asuman o papel relevante que lles corresponde asumindo as responsabilidades de planificación, execución e xestión de recursos, competencias e funcións en coordinación cos restantes profesionais, tal e como se acordou na reunión mantida cos técnicos da Consellería, previa á elaboración do borrador", explican.

Ademais, manifestan a súa "discordancia" no relativo á necesidade de definir unha carteira de servizos que "oriente e axude o paciente en canto aos coidados e atencións que pode recibir da súa enfermeira". "Un punto que axudaría, ademais, a cuantificar as intervencións reais, permitindo axustar máis acertadamente o número de profesionais necesarias. Precisamente ese é outro dos puntos de esixencia", abundan.

DÉFICIT DE PERSOAL

Para facer fronte á "readecuación" do déficit de persoal actual e á "sobrecarga estruturalo que afasta ás enfermeiras dos coidados de calidade que a cidadanía merece e espera", este colectivo cre preciso "incrementar o numero de enfermeiras nos centros de Atención Primaria".

O respaldo legal das actuacións das enfermeiras centra "outro dos puntos relevantes, xa que resulta fundamental para que a enfermeira poida desenvolver todas as súas competencias", explican. "Moi particularmente no necesario e imprescindible desenvolvemento das especialidades de enfermaría, cuxas funcións e labor deben ademais achegarse ao cidadán", puntualizan.

En definitiva, indican que se trata de "incrementar o número de enfermeiras, dando marco legal ao desenvolvemento das funcións e competencias propias da enfermeira, a súa capacidade de xestión como profesional facultada e a definición orzamentaria" para dar acceso ao cidadán a unha Atención Primaria "máis universal, accesible, equitativa e de calidade", demandan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta