Atopan 2.600 plantas de marihuana nunha nave de Ourense e deteñen a tres persoas

Contaban cun "laboratorio 'indoor'" na zona do Bolo que reunía as "condicións apropiadas" para a produción desta substancia en grandes cantidades

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional detiveron a tres homes como presuntos autores dun delito contra a saúde pública e outro de defraudación eléctrica nunha nave industrial da zona do Bolo (Ourense). A actuación, enmarcada na 'Operación Turco', rematou coa intervención de 2.642 plantas de marihuana.  

Segundo informou a Policía Nacional, o Grupo de Estupefacientes pertencente á Brigada Provincial de Policía Xudicial da Comisaría Provincial de Ourense tivo coñecemento en maio do 2018 de que un cidadán de orixe turca "podería estar a buscar unha nave industrial ou leira rústica na provincia para utilizala posteriormente como plantación 'indoor' de marihuana".

Dita persoa tería a súa residencia en Portugal, onde estaba a ser vixiado pola policía lusa como presunto autor de tráfico de estupefacientes. A súa especialidade era o cultivo de "marihuana". Sospeitábase dos seus desprazamentos a Ourense para localizar unha vivenda coas "condicións apropiadas" para un futuro cultivo de marihuana en grandes cantidades, de xeito que se expandise o seu negocio.

Os axentes estableceron vixilancias despois do estudo e análise da información obtida e confirmaron a existencia dunha nave que "reúne as condicións adecuadas para ser utilizada para instalación dunha plantación 'indoor' de marihuana, de grandes dimensións e de difícil accesibilidade".

O obxectivo principal foi sometido a vixilancias e seguimentos, o que posibilitou, asegura a Policía, a identificación doutras dúas persoas que toman parte nas mesmas actividades delituosas. Así, na madrugada do 27 de febreiro procedeuse á detención deste tres homes como presuntos autores dun delito contra a saúde pública e defraudación de fluído eléctrico.

REXISTRO

Ás 14,30 horas dese mesmo día realizouse un rexistro na nave, no que se comprobou que as instalacións estaban destinadas "ao cultivo de sustancia estupefaciente", neste caso marihuana. Alí localizaron un "laboratorio indoor" deseñado "perfectamente para manter o cultivo en calquera época do ano". Había lámpadas, ventilación, filtros de carbono, reactancias e instrumentos que facilitan manter as condicións adecuadas das plantas, segundo concretou a Policía.

As plantas estaban repartidas en distintas habitacións por tamaño de crecemento. A última habitación usábase como "o estadio de secado". Os axentes incautáronse de 2.642 plantas que teñen un peso de 65,8 quilos, así como de 35 quilos de cogollos e 5,220 quilos de restos de plantas, cun peso total de 106,2 quilogramos.

Os detidos son tres homes naturais de Turquía de 22, 44 e 45 anos de idade que carecen de arrestos en España, pero aos que lles constan antecedentes en Portugal. Está previsto que pasen este venres a disposición xudicial.

Incautadas máis de 2.600 plantas de marihuana na zona do Bolo. POLICÍA NACIONAL
Incautadas máis de 2.600 plantas de marihuana na zona do Bolo. POLICÍA NACIONAL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta