Temas: BONOS DéBEDA

Galicia emite 400 millóns en bonos cunha demanda que multiplica por cinco a oferta

É a primeira emisión de débeda galega que se leva a cabo desde 2014.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

Galicia pechou "con éxito" este xoves unha emisión de 400 millóns de euros en bonos a longo prazo, cunha demanda que multiplicou por cinco a oferta, segundo subliña a Consellería de Facenda. "Esta é a primeira emisión de débeda que leva a cabo a comunidade autónoma desde 2014 e supón o inicio do seu retorno gradual aos mercados de débeda", sinala nunha nota de prensa.

Facenda asegura que pechou a operación cun tipo de interese "moi beneficioso", do 1,45%, "o mellor" alcanzado por unha comunidade autónoma nestes últimos meses.

A duración dos bonos é de 10 anos e a operación realizouse coas entidades financeiras Abanca, BBVA, Barclays e Societe Generale. Ademais, segundo indica, houbo "unha importante presenza de investidores estranxeiros de alta calidade", o que na súa opinión "demostra a solvencia" de Galicia.

Engade que, "de feito, máis da metade do volume da emisión foi para investidores de fóra de España". E explica que "Galicia volve aos mercados pola mellora das condicións que estes ofrecen, cunha redución significativa dos diferenciais que a Xunta quere aproveitar para profundar na reestruturación da débeda"

Tamén regresa a esta vía, agrega, "polo actual contexto de mercado, con abundante liquidez". Ademais, considera que Galicia, desta forma, "estará en mellores condicións para afrontar a supresión dos mecanismos de facilidade para o financiamento".

No entanto, lembra que, como dixo o pasado xoves tras o Consello, "Galicia volverá aos mercados de forma progresiva e por iso en 2019 combinará as emisións nos mercados coa adhesión ao Fondo de Facilidade Financeira, reservado ás comunidades cumpridoras".

Temas: BONOS DéBEDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta