Adif calcula en máis de 2.000 millóns o investimento na zona noroeste para modernizar o seu tren

O ente estatal de infraestruturas ferroviarias declara que "todo o corredor atlántico terá implantado o sistema ERTMS e a electrificación no ano 2030, tal e como establecen os requisitos europeos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2019 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

Adif cifrou en 2.265 millóns o investimento na zona noroeste para modernizar o seu sistema ferroviario coa vista posta no impulso do corredor atlántico de mercadorías. E é que, segundo apunta nun comunicado de prensa, actualmente, indica que as actuacións pendentes de executarse ascenden a 16.872 millóns de euros, dos que 3.558 millóns corresponden á zona noroeste (Galicia, Asturias e León)". Destes últimos, precisa que 2.265 millóns son "de nova construción".

A finais de xaneiro o tres comunidades en cuestión cifraron en máis de 3.000 os investimentos necesarios para modernizar o tren de face ao corredor atlántico. Pouco despois, o Ministerio de Fomento presentou un plan director que falaba dunha contía superior aos 3.000 millóns para esta rexión, o que xerou diverxencias coa Xunta, que manexaba datos inferiores.

ANCHO ESTÁNDAR

Por outra banda, a nota de Adif asume que o corredor atlántico de mercadorías non disporá inicialmente de vía de ancho estándar "xa que non é esixible para os corredores da rede básica ferroviaria no horizonte do ano 2030". Indica que "todo o corredor atlántico terá implantado o sistema ERTMS e a electrificación no ano 2030, tal e como establecen os requisitos europeos, pero non disporá inicialmente de vía de ancho estándar ou UIC (1.435 mm), xa que non é esixible para os corredores da rede básica ferroviaria no horizonte do ano 2030".

No entanto, engade, "a implantación do ancho estándar é un obxectivo a medio/longo prazo, e planificarase por fases para non prexudicar aos operadores ferroviarios actuais e potenciais nin deixar illados aos portos". Neste sentido, alude a que "o Ministerio de Fomento está a traballar sobre unha estratexia que contemple, entre outros, este aspecto".

REIVINDICA OS INVESTIMENTOS

Adif reivindica que o corredor atlántico de mercadorías poderá recibir financiamento europeo a partir de 2021 "grazas á implantación dos requisitos técnicos necesarios". Deste xeito, destaca que "traballa no desenvolvemento de todas as actuacións previstas no Corredor Atlántico, incluíndo a modernización de infraestruturas, a construción de conexións ferroportuarias e a instalación do sistema ERTMS, co obxectivo de optar a recibir financiamento europeo a partir de 2021".

"Isto será posible grazas á incorporación dos novos itinerarios da rede básica ferroviaria, como a conexión A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte de Lemos-León e a conexión asturiana, que serán elegibles para o financiamento contemplado para os corredores da Rede Básica no regulamento CEF (Connecting Europe Facility), pois cumprirán os requisitos técnicos de interoperabilidade que se esixen", incide. Valora que "beneficiará especialmente aos tráficos de mercadorías en nove comunidades autónomas (Galicia, Asturias, Castela e León, Estremadura, Andalucía, País Vasco, Castela-A Mancha, Madrid e Cantabria) e sinala que "contempla un investimento global por valor superior a 41.000 millóns de euros".

"O Ministerio de Fomento e Adif van asumir o financiamento íntegro de actuacións que non forman parte estritamente do corredor atlántico desde o punto de vista europeo (e que non poden formar parte nesta renegociación de corredores, dado que non se contemplaron como parte da rede básica no seu momento), pero que son considerados prioritarios polo seu valor complementario do corredor atlántico europeo", remarca.

Ademais, o Goberno traballa "xa" na próxima revisión do regulamento de orientacións que se realizará en 2023, onde se poderá redefinir a rede básica e, con iso, "incorporar ao corredor europeo algunhas relacións que non se poden incorporar nesta revisión". Deste xeito, apunta que "se permitirá a estas relacións acceder ás posibilidades de financiamento europeo correspondente, á vez que se ofrece, para este fin, un diálogo a comunidades autónomas e sector privado". Ademais das actuacións orientadas a modernizar a rede (electrificación, implantación do ERTMS ou duplicación de vías), o corredor atlántico inclúe as conexións ferroportuarias e outras instalacións loxísticas, "que serán elegibles para o financiamento europeo CEF", segundo Adif.

"O mecanismo de financiamento deste tipo de conexións (fondo de accesibilidade terrestre, financiamento privado e financiamento das propias autoridades portuarias) é diferente ao da rede ferroviaria xeral, e por iso non se considerou o seu importe no investimento pendente total", aclara. Tamén están contempladas, segundo di, "a saída ferroviaria sur de Vigo e a conexión entre Ourense e Lugo. "Estas actuacións non forman parte da rede básica e, por tanto, non forman parte do corredor atlántico europeo en sentido estrito, pero si están dentro das actuacións previstas e teñen contempladas dotacións a tal fin", sinala a nota.

Túnel de Cerdedelo (Ourense). ADIF
Túnel de Cerdedelo (Ourense). ADIF

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta