Segue a fenda laboral entre sexos: as mulleres cobran 5.500 euros menos ao ano e teñen máis traballos precarios

CC.OO. denuncia o aumento da precariedade feminina. O PSdeG chama a mobilizarse para frear "o discurso" do dereita pero avisa: "As urnas son máis importantes"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2019 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

CC.OO. denuncia nun informe presentado este luns que a precariedade en Galicia "ten rostro de muller", xa que elas contan co 77% dos contratos que se fan a tempo parcial. 
En rolda de prensa, a secretaria de Igualdade do sindicato, Mamen Sabio, e Silvia Parga, que forma parte do gabinete económico de CC.OO., foron as encargadas de debullar os datos do informe 'Análise do mercado laboral desde a perspectiva de xénero'.

Así, recóllese que no último ano o peso da xornada parcial incrementouse entre elas, pois pasou de supor o 21,9% da ocupación feminina ao peche de 2017 a subir ata o 22,4% ao acabar 2018. Na maioría dos casos esta xornada parcial débese a que non atopan emprego a tempo completo, mentres o segundo motivo máis manifestado é o coidado de persoas a cargo (o 98% das persoas que teñen xornada parcial por este motivo son mulleres).

A isto únese que a taxa de temporalidade é maior entre as mulleres que entre os homes, con diferenzas de ata 12,2 puntos no sector público. Por estes motivos, Mamen Sabio reclama ás administracións medidas "efectivas" de corresponsabilidade, servizos públicos de "calidade" en favor da conciliación, así como plans de igualdade en todas as empresas.

SEGREGACIÓN HORIZONTAL E VERTICAL

Aínda que hai máis mulleres presentes no mercado laboral que antes da crise a taxa de actividade era no cuarto trimestre de 2018 inferior en 8,5 puntos (participan o 48,9% en idade legal) que a dos homes (o 57,4%). Entre as causas están dedicarse aos coidados ou outras responsabilidades. Así mesmo, existe unha "maior participación" por parte delas na economía mergullada.

Aquí, persiste tanto a segregación horizontal, relativa a que as mulleres traballan maioritamente no sector servizos, como vertical, posto que son maioría nas ocupacións "elementais", debido ao "teito de cristal" (a representación feminina nos postos de dirección está por baixo do 40%).

E é que o incremento do salario mínimo interprofesional a quen máis vai beneficiar vai ser ás mulleres, segundo explica CC.OO., á vez que se empraza a "dignificar" o traballo doméstico e a equiparalo laboralmente.

BRECHA DE SALARIOS E PENSIÓNS

Tras os informes de CIG e UXT coñecidos nos últimos días chega este de CC.OO. con motivo do 8M que tamén pon o foco sobre a brecha salarial por sexos. Segundo os datos que manexa relativos a 2016 sitúase en 5.479,7 euros. Deste xeito, unha muller tería que traballar un 30% máis para equipararse ao que cobran os homes, mentres hai diferenzas especialmente significativas entre menores de 30 anos.

Esta disparidade nos salarios repercute consecuentemente nas distintas prestacións. Así, hai unha brecha do 14,3% no que perciben por desemprego, mentres que a pensión media dos homes é case un 40% superior. Neste sentido, Sabio reflexiona sobre como o "rol de traballo reprodutivo" se perpetua nun sistema "pratiarcal", onde as mulleres deixan de formar parte do mercado laboral por cuestións como coidados.

Rolda de prensa polo 8M de CC.OO.
Rolda de prensa polo 8M de CC.OO. | Fonte: Europa Press

PSdeG


Por outra banda, o portavoz socialista na Cámara galega, Xoaquín Fernández Leiceaga, fixo un chamamento á mobilización o vindeiro venres 8 de marzo para frear "o discurso extremo" da dereita que promove "dar marcha atrás a dereitos plenamente consolidados en España" en materia de igualdade. Tamén a voceira do BNG, Ana Pontón, destacou a mobilización deste domingo e criticou a Feijóo por "branquear" á extrema dereita de Vox.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

As mulleres cobran de media menos porque son maioritarias en sectores peor pagados ( textil ,limpezas), non porque cobren menos que os homes por facer o mesmo traballo. Eso nunca o din os sindicatos