O alcalde de Ourense fai balance dun mandato con "50 logros"

Sinala que o seu proxecto "terá continuidade" e "unha maioría suficiente para desenvolver" iniciativas "que necesita" a cidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2019 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, realizou un balance do mandato este luns no salón de plenos do Concello, acompañado por oito dos nove concelleiros do seu equipo de goberno -tan só se ausentou o recentemente incorporado Miguel Prado-, no que destacou "50 logros" e criticou á oposición, á que cualificou de "inservible" e "prescindible".

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, fai balance dun mandato.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, fai balance dun mandato. | Fonte: Europa Press

Neste sentido, o rexedor asegurou que "o maior erro" nestes catro anos foi "confiar na oposición e na súa fe para esperar a súa colaboración" e crer que "querían o mesmo" que o grupo de goberno, "que era arranxar os problemas da cidade", como o dos "colectores soterrados" ou a falta de orzamentos.

"Cada día esixíasenos un novo documento con tal de complicar e afastar aínda máis a solución á falta de orzamentos. Comprometémonos a garantir a gobernabilidade desta cidade e criamos que todos iamos da mesma man. Aqueles que prometían garantir a gobernabilidade no caso de que non gañasen non o fixeron así", sinalou.

Nesta mesma liña, lamentou que a oposición, á que cualificou como a "máis inservible e prescindible", non pretendese "nunca" aprobar os orzamentos e rexeitase os "máis sociais da historia", así como o "nulo apoio" para sacar adiante o pacto de cidade que tiña como obxectivo blindar os servizos sociais "gobernase quen gobernase".

"O peor desta cidade foi a oposición que lle tocou sufrir durante este catro anos, unha oposición que tiña na súa man a maioría do pleno e que puido chegar a acordos e non foron capaces nin de facelo entre eles. Todo o que non dependeu dos votos da oposición saíu adiante", engadiu o alcalde.

"50 LOGROS"

Á súa vez, o alcalde de Ourense destacou un total de 50 "logros", os cales foron presentados a través da proxección dun vídeo, e puxo en valor o grupo de goberno, que é "unha familia e un grupo formidable" do cal, segundo desvelou, sente "tremendamente orgulloso".

"Durante este catro anos, practicamente non houbo semana na que non houbese acordos e boas noticias para esta cidade. Cumprimos máis do 80 por cento do programa electoral, o noso obxectivo era non enganar á cidadanía. Non foi fácil traballar en condicións tan difíciles", apuntou Jesús Vázquez.

Así as cousas, o equipo de Vázquez Abad concretou un investimento conxunto con outras administracións de "306 millóns de euros" para acometer iniciativas como o aumento de horas prestadas á dependencia, as melloras na avenida Otero Pedrayo, o proxecto de ecobarrio da Ponte, a estación intermodal de Norman Foster ou a obra do Museo Arqueolóxico.

Ademais, incluíron nesta selección a rehabilitación da Ponte do Milenio e da Ponte Romana, a posta en marcha do albergue de peregrinos, a recuperación e revitalización da zona vella a través do Plan Rexurbe da Xunta, a construción do centro para persoas maiores de 21 anos con diversidade funcional, as melloras na contorna termal ou a creación do primeiro parque inclusivo de Galicia.

Finalmente, avanzou que o seu proxecto "terá continuidade" e "unha maioría suficiente para desenvolver" todas as iniciativas que necesita Ourense "en liberdade e sen trabas ou bloqueos irracionais". "Diferéncianos do resto un modelo de cidade e capacidade de negociar, ademais de honestidade e ilusión", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta