Carlos Babío: "Eu non teño nada que conciliar cos Franco"

O BNG anuncia que presentará unha iniciativa no Parlamento en apoio ao investigador denunciado pola familia do ditador.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/03/2019 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

O BNG mostrou o seu "apoio" ao historiador e ex-concelleiro de Sada Carlos Babío, tras ser denunciado pola familia Franco por inxurias e calumnias polas súas declaracións nun programa de televisión, e urxiu ao Goberno a "pararlle os pés" á familia Franco.

Goretti Sanmartín e o investigador Carlos Babío.
Goretti Sanmartín e o investigador Carlos Babío.

Nun acto na Coruña ante a Casa Cornide, propiedade da familia Franco, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto coa vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin, e os candidatos nacionalistas ás alcaldías da Coruña e Sada, trasladaron o seu apoio a Carlos Babío, tamén presente.

Babío denunciou a "impunidade" desta familia e defendeu a "loita pola democracia". "Vou seguir traballando na investigación, documentación e na loita por conseguir que o Estado español sexa un Estado democrático normal no que ten que ver cos procesos vividos durante unha ditadura", manifestou.

"Eu non teño nada que conciliar cos Franco", dixo o historiador, coautor do libro 'Meirás, un pazo, un caudillo un espolio', que descarta acudir ao acto de conciliación cos netos do ditador en Madrid o próximo 25 de marzo.

Segundo informou, a denuncia refírese a unhas manifestacións realizadas nun programa televisivo. "Eu afirmo que esas terras (as do Pazo de Meirás) foron tomadas inicialmente e que, en concreto, a miña avoa foi expulsada da casa en 1938 baixo ameazas, extorsións e todo tipo de abusos", explicou.

INICIATIVA PARLAMENTARIA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que, "fronte a este arrebato" da Familia Franco, "o lóxico é saír a defender a quen está a ser inxustamente denunciado e a deixarlles claro (á familia Franco) que coa súa política do medo non imos dar nin un só paso atrás".

Ao fío disto, anunciou que por parte do BNG levarán ao Parlamento unha iniciativa en apoio a Carlos Babío e de rexeitamento fronte á actuación da familia Franco, a quen esixe "pararlles os pés". "Por xustiza, o Estado debe actuar para pór fin aos privilexios do franquismo", engade.

Mentres, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, tamén quixo mostrar o seu apoio ao investigador denunciado, cuxas investigacións cualifica de "peza fundamental para poder coñecer todo o ocorrido achega do espolio do Pazo de Meirás".

Sanmartín, quen defendeu a fiabilidade das investigacións de Babío, considera que a denuncia é unha "vinganza" por parte da Familia Franco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta