A multinacional farmacéutica Roche fai investigación... e negocio coa Xunta

Renova ata 2021 o seu convenio de investigación en cancro de próstata e mama co CHUS nun acto ao que asiste Feijóo. As súas patentes aínda non chegaron aos pacientes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2019 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e a multinacional farmacéutica Roche renovaron ata outubro de 2021 o convenio de colaboración da unidade mixta público-privada de investigación nos cancros de próstata e mama.

Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante unha visita realizada este martes a esta unidade situada no Hospital Gil Casares, na que estivo acompañado do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o titular de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey.

O xefe do grupo Oncomet, Rafael López explicou, en declaracións aos medios, que a Unidade Mixta Roche-CHUS é "a única" en España entre unha empresa privada e un hospital público, xa que, segundo as súas palabras, a colaboración público-privada "é a forma de avanzar que ten hoxe en día a investigación".

"O que queremos aquí, este equipo visionario e un pouco soñador de Oncomet, é eliminar o cancro e tentar eliminalo tamén con alegría", asegurou López, quen tamén indicou que o grupo que lidera traballa con biopsia líquida e con "modelos" como peixes de acuario e, en menor medida, ratos.

Ademais, dedícanse á nanotecnoloxía, buscando "modificar dalgunha forma o transporte dos fármacos ou dalgunhas sustancias para que modifiquen tanto o tumor como o ambiente que está ao seu ao redor".

Preguntado sobre se algunha das patentes logradas chegaron xa a pacientes, o xefe de Oncomet precisou que "aínda non", xa que leva "unha media de 14 anos" conseguir un fármaco que teña éxito e "que se comercialice". "En dous anos non descobres a pólvora, e leva moitísimo diñeiro tamén", engadiu.

O "TRATAMENTO CORRECTO" A "A PERSOA CORRECTA"

Pola súa banda, o presidente da Xunta abordou que a Unidade Mixta Roche-CHUS dedícase ao medicamento de precisión: "Hai que tentar vencer ao cancro a través do diagnóstico precoz, ou a través do tratamento correcto, no momento correcto e á persoa correcta".

Así mesmo, Feijóo agradeceu que a multinacional Roche escollese o CHUS para impulsar esta iniciativa. "Que elixise o Hospital Clínico e esta fundación de investigación sanitaria (Oncomet) acredita o altísimo nivel de formación, de compromiso e de investigación que temos en Santiago e en Galicia", proclamou.

"Estamos na vangarda da investigación e a biopsia líquida supón un adianto desde o punto de vista das biopsias tradicionais, un antes e un despois para o diagnóstico a través dunha analítica de sangue, e evidentemente estamos ante unha revolución de diagnóstico do cancro", asegurou Feijóo, quen se mostrou "segurísimo" de que estas investigacións van mellorar " moitísimo a porcentaxe de supervivencia e a porcentaxe de éxito e de curación de enfermidades que hoxe producen morte".

UN "GRAN ESFORZO"

Durante a visita tamén estivo presente a directora médica de Roche, Beatriz Pérez, quen lembrou que a Unidade Mixta co CHUS foi posta en marcha no ano 2015 con "un gran esforzo por ambas as partes", investindo a farmacéutica "máis dun millón de euros" na iniciativa. Sen embargo, non dixo o que o Goberno galego tivera que poñer a cambio dese investimento.

"Os resultados falan por eles mesmos. Despois de catro anos conseguíronse dúas patentes, houbo máis de 20 publicacións e de comunicacións a congresos tanto nacionais como internacionais e tamén se está achegando un gran valor científico e en forma de persoas, investimento e investigadores. Hai máis de 11 contratacións a tempo completo, ademais doutras a tempo parcial", resumiu a representante de Roche. Con todo, os pacientes galegos aínda non se beneficiaron deses supostos avances.

O CHUS e a farmacéutica Roche renovan ata 2021 o seu convenio de investigación. XUNTA
O CHUS e a farmacéutica Roche renovan ata 2021 o seu convenio de investigación. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta