A exposición "Alba de Gloria" prorroga as súas datas ata o 17 de marzo

Esta é a segunda vez que se prorroga a mostra que foi concibida cun "marcado carácter participativo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2019 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega decidiu prorrogar, por segunda vez, o peche da exposición 'Alba de Gloria', a proposta que recrea e contextualiza o discurso de Castelao no que cita ás grandes personalidades da cultura galega e que recibiu preto de 15.000 visitas no catro meses que leva aberta.

Tal e como explicou o Consello, a mostra foi concibida cun "marcado carácter participativo", algo que se pode apreciar na súa propia configuración, xa que se insta ao visitante a que indique quen falta no discurso. Despois de 9.335 votos, propuxéronse uns 250 nomes da política, a cultura e a sociedade de Galicia.

A día 28 de febreiro, o ranking estaba liderado por Castelao (co 14% dos votos), seguido de Maruxa Mallo (8,1%) e María Pita (6,8%). Séguenlle Álvaro Cunqueiro, Xosé Neiras Vilas, Manuel María e Isaac Díaz Pardo.

'Alba de Gloria' foi o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Galego de Buenos Aires, realizado no teatro Arxentino con motivo do Día de Galicia, o 25 de xullo de 1948. Trátase dunha alocución que enumera as grandes figuras da cultura galega, iniciando en Prisciliano e pasando por un total de 65 personaxes significativos.

A mostra ten unha parte central, a Experiencia, na que o visitante, a través dunhas lentes de realidade virtual, pode entrar no mundo imaxinario de Alba de Gloria da man do propio Castelao. Canda ela hai, ademais, outros apartados que permiten coñecer a relevancia do contexto e do discurso en maior profundidade.

Exposición Alba de Gloria de Castelao. EUROPA PRESS - Arquivo
Exposición Alba de Gloria de Castelao. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta