As altas ondas e os fortes refachos de vento impiden saír faenar a boa parte da frota

O vento superou os 100 quilómetros por hora en zonas de Cedeira ou Manzaneda

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2019 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

A maior parte da frota permanece amarrada en Galicia polo temporal, que deixa ondas de case 7 metros de altura, ventos de máis de 100 quilómetros por hora e ata 41 litros de auga acumulada en localidades como Entrimo (Ourense).

Deste xeito, só saíron faenar parte dos barcos da Mariña lucense, como os da confraría de Burela, tendo en conta que as costas das provincias da Coruña e Pontevedra permanecen este mércores en aviso laranxa por ondas de 6 a 7 metros.

Así, entre outros, segundo confirmou Europa Press, a maior parte das embarcacións de pesca permanecen amarradas nos portos de O Barqueiro, Ferrol, A Coruña, Porto do Son, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

O temporal tamén se notou en terra, onde as intensas choivas rexistradas no que vai de xornada acumularon xa 41,1 litros por metro cadrado en Entrimo (Ourense) e 33,7 en Fornelos de Montes (Pontevedra).

Ademais, rexistráronse ventos de ata 108,3 quilómetros por hora en Punta Candieira, en Cedeira (A Coruña), e de 100,8 na cabeza de Manzaneda (Ourense).

AVISO POR VENTOS

Precisamente este mércores, a Dirección xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou o aviso laranxa por ventos na Mariña de Lugo e o noroeste da provincia da Coruña.

E é que, segundo os datos da Axencia estatal de meteoroloxía (Aemet), a partir das 11,00 horas espéranse ventos con refachos que poden alcanzar os 100 quilómetros por hora nestas zonas.

Ondas na praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña) temporal, ondada
Ondas na praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña) temporal, ondada | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta