Rebeca Atencia, a científica ferrolá que dirixe o Instituto Jane Goodall do Congo, recibe o 'Premio 8 de marzo'

Concedeullo o Concello por unanimidade

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2019 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

A científica ferrolá, Rebeca Atencia, que está á fronte do Instituto Jane Goodall do Congo, mostrou o seu "agradecemento e satisfacción" ante a decisión do Concello de Ferrol de outorgarlle, por unanimidade, o 'Premio 8 de Marzo',

"Estou moi contenta e é para min unha honra que me outorguen este galardón, xa que eu amo Ferrol, que é a miña cidade natal e a miña pequena patria", asegurou este mediodía no Concello, horas antes de recoller o recoñecemento nunha gala no Teatro Jofre da cidade.

Atencia asegurou que se foi ao Congo "buscando un soño e un obxectivo" e en ningún momento pensou que "por ser muller ía ser algo diferente". "A min criáronme, déronme uns valores e unha forma de pensar na que me dicían que ti podes ser o que ti queiras, soamente depende de ti, es unha persoa e busca un obxectivo e uns soños e loita por eles", asegurou, subliñando que o ser muller para ela "nunca supuxo un impedimento".

NO MEDIO DA SELVA

Rebeca Atencia, tras licenciarse como veterinaria na Universidade Complutense de Madrid e tras varios traballos, dirixe na actualidade o Instituto Jane Goodall Congo, con máis de 160 chimpancés.

Nunha comparecencia ante os medios lembrou a súa chegada ao Congo, onde se puxo "a dirixir un grupo dun vinte persoas congoleñas, todos homes, onde tes que marcar a túa valentía no medio da selva, con elefantes, con gorilas que te atacan; algo que che dá medo; o ter que penetrar neste lugar, pero a valentía haina que mostrar tanto sendo home como muller".

Atencia destacou que a condición de ser muller deulle "a capacidade de estar alí" e que a seguisen. No seu caso, non foi "ningún problema o ser home ou muller" e destaca a importancia de "loitar por un obxectivo e facelo en equipo". Co paso dos anos a ferrolá destacou que "aos poucos empezou a dirixir a máis xente e apoiou por igual tanto a homes como a mulleres, pondo a moitas destas últimas en postos de responsabilidade". Por exemplo, puideron conducir coches 4x4, algo que "nesta época era un pouco raro"

FERROL PREMIO 8 DE MARZO
FERROL PREMIO 8 DE MARZO | Fonte: Europa Press


TRABALLO

Con respecto ao seu traballo en Congo, Atencia asegurou que desde o Instituto Jane Goodall trabállase "buscando o equilibrio entre o medio ambiente, os animais e os humanos". "Se queremos protexer a selva temos que protexer tamén a xente que rodea esa selva, dar alternativas e oportunidades", asegurou. Incidiu en que "ademais de traballar pola natureza tamén hai que facer labor social, valorando as comunidades que están ao redor das reservas, ver oportunidades e dar postos de traballo".

A científica ferrolá apuntou que cando teñen que alimentar a chimpancés orfos ou que veñen da caza furtiva, sempre compran produtos locais e potencian que os veciños da zona "poidan cultivar eles mesmos produtos, para que a xente local non teña que entrar na reserva e destruíla".

MESMAS OPORTUNIDADES

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), asegurou que Rebeca Atencia "é a fiel imaxe do que debe de ser a loita pola igualdade entre homes e mulleres", algo no que, dende o seu punto de vista, "aínda queda moito camiño por percorrer". O rexedor ferrolán situouse a favor de "ter todos as mesmas oportunidades, independentemente do cargo ou traballo, onde a valía non se mide pola condición sexual, senón polas cualidades humanas".

Suárez tamén lembrou que a concesión desta distinción, 'Premio 8 de Marzo', foi referendada "por todos os grupos, polos 25 concelleiros do pleno de Ferrol". Foi, por tanto, "un premio unánime da sociedade ferrolá".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta