Un proxecto do Sergas pretende entender os problemas de saúde a través da lectura

A iniciativa foi presentada este mércores no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Ademais de Sanidade e ACIS, o proxecto conta coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2019 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

O proxecto 'Biblioterapia', desenvolvido polo Sergas e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), propón entender e afrontar determinados problemas de saúde a través da lectura e mediante a colaboración entre pacientes e expertos.

A iniciativa foi presentada este mércores no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Ademais de Sanidade e ACIS, o proxecto conta coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas, 'Bibliosaúde', colexios profesionais, sociedades científicas, asociacións, e expertos en saúde e literatura. En total, son 142 lecturas as propostas, todas elas recollidas na páxina web 'bibliosaude.sergas.gal' , para a súa consulta e maior información.

RECETAR UN LIBRO

O xerente da Xestión Integrada de Ferrol, Anxo Facio asegurou que "recetar un libro é máis que recomendalo"; mentres que a xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde, Beatriz Allegue, destacou "o interese que estaban a ter por este proxecto noutras comunidades". Pola súa banda, a bibliotecaria da Xerencia Integrada de Ferrol, e coordinadora do proxecto nesta área sanitaria, Uxía Gutiérrez Couto, explicou como acceder de maneira práctica a toda a información relativa a este proxecto a través de Bibliosaúde.

Así, destacou "o gran valor deste proxecto por conseguir elaborar unha listaxe de títulos avaliados e consensuados por un grupo multidisciplinar, un grupo heteroxéneo para un ben común". Deste xeito, resalta a tarefa deste grupo, grazas ao cal "se abren as bibliotecas hospitalarias á poboación xeral, cando os usuarios habitualmente son profesionais do sistema". Agora, un grupo de traballo da área sanitaria ferrolá, integrado por 10 persoas de diferentes departamentos, activará o proxecto a nivel práctico nesta área sanitaria, empezando con esta sesión xeral informativa.

UN ANO DE TRABALLO

O proxecto galego de 'Biblioterapia' rexistra, como punto de partida, 142 libros recomendados para apoiar o proceso terapéutico de trastornos e problemas moi variados. As lecturas que aparecen na guía están clasificadas en relación ao tipo de trastorno ou problema para o que poden servir de apoio tamén en función da idade dos destinatarios. Así, o catálogo está divido en dous grandes bloques: libros de autoaxuda e psicoeducación. Estas publicacións están recomendados polos profesionais sanitarios e neles ofrécense técnicas e información para comprender e afrontar os problemas.

Ademais, tamén hai novelas e libros de non ficción, recomendados por pacientes e expertos en literatura e biblioterapia, que son unha fonte de experiencias persoais, emocións e coñecementos sobre a vida, e nos que o paciente se pode ver reflectido e atopar un reforzo positivo. A edición en papel estará dispoñible nas bibliotecas dos principais hospitais de Galicia e nas bibliotecas públicas da Xunta na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. Nestas últimas, poderán retirarse presentando o carné de usuario da Rede de bibliotecas públicas de Galicia. As obras en formato electrónico dalgúns títulos poden consultarse na plataforma de préstamo da Rede de bibliotecas públicas de 'GaliciaLe'.

Centro de saúde de Viveiro
Centro de saúde de Viveiro | Fonte: AXM.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta