A Xunta di que "respecta e cumpre" a actual lei do aborto tras as declaracións de Casado

A Consellería de Sanidade destaca que está a traballar en "protocolos" para reducir os tempos de interrupción unha vez que a muller comunica a súa decisión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2019 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, asegurou que a Xunta apoia a lei de 2010 de interrupción do embarazo e que a Consellería de Sanidade "dá correcto cumprimento" e "respecta e cumpre" a "lexislación vixente".

No transcurso da Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego no Parlamento galego, Aboal respondeu de forma tallante á pregunta formulada pola deputada socialista Matilde Rodríguez Rumbo, sobre a postura da Xunta ante a Lei Orgánica de 2010, despois de que o líder do PP, Pablo Casado, realizase manifestacións "reaccionarias" contrarias a esta norma.

"Segundo Pablo Casado, os úteros das mulleres son xarros de nenos, para reverter a sangría demográfica e axudar a cubrir a falta de incremento de cotización para as pensións dos maiores", subliñou a deputada socialista, que censurou ao líder do PP afirmacións como que "para manter as pensións hai que pensar en como parir e non en como abortar nenos".

Ante isto, Aboal asegurou que á pregunta directa de "se apoia a Xunta de Galicia de maneira inequívoca a Lei Orgánica de 2010 de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, a resposta concreta é si".

Agregou que "a Xunta de Galicia, e a Consellería de Sanidade, dan correcto cumprimento da lexislación vixente e respecta os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e garante o dereito a unha educación integral de sexualidade" baseada nos dereitos humanos, na igualdade de xénero, no fomento de decisións libres e informadas das mulleres sobre a súa saúde sexual e reprodutiva, e "por tanto respecta e cumpre o establecido na normativa vixente".

Neste sentido, remarcou a Consellería está a traballar na "mellora da formación dos profesionais sanitarios", con xornadas de carácter anual.

Ademais, o Sergas garante que as interrupcións voluntarias de embarazo de menos de 14 semanas de xestación se poidan realizar en centros da rede pública ou en clínicas autorizadas se así o decide a nai, ata 22 semanas en hospitais públicos e a partir de 22, en casos de embarazos debido a anomalía incompatible ou enfermidade grave ou incurable, desde mediados de 2017 concéntranse no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

En todo caso, Aboal incidiu en que as interrupcións de embarazo de máis de 22 semanas son "excepcionais". Ademais, a Consellería está a traballar en "protocolos" para reducir os tempos de interrupción unha vez que a muller comunica a súa decisión.

Segundo informou o director xeral de Asistencia Sanitaria tamén "se está traballando para que todas as galegas que teñan que facer unha interrupción voluntaria do embarazo se practique nas mellores condicións en Galicia e non teñan que saír fóra". En canto aos datos, a "inmensa maioría" das interrupcións do embarazo son de menos de 14 semanas e as de máis de 22 son "excepcionais", ao redor dunhas 10 de media ao ano.

Carteis contra o aborto que o Concello de Ferrol mandou retirar
Carteis contra o aborto que o Concello de Ferrol mandou retirar

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta