Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/03/2019 | Actualizada ás 16:49
Máis de medio cento de localidades galegas acollerán este venres manifestacións e concentracións no marco da xornada do Día Internacional da Muller, con convocatoria de paros parciais e de folga xeral, en función das organizacións convocantes
Con lemas distintos, pero coa reivindicación da igualdade entre homes e mulleres nos distintos ámbitos, a xornada porá fin a actividades organizadas de forma paralela, por colectivos sociais, entidades ou institucións ao redor desta cuestión, con propostas como obradoiros ou conferencias.
O mesmo venres, hai convocada unha folga laboral, educativa, de coidados e de consumo por parte de asociacións feministas, cun paro de 24 horas ao que se sumaron sindicatos como a CIG.
Mentres, organizacións como UGT ou CCOO convocan paros parciais de dúas horas, aínda que UGT precisa que os sectores ou empresas que, así o decidan, poderán secundar a folga toda a xornada.
As mobilizacións convocadas para este venres non forman parte dunha convocatoria conxunta nin comparten o mesmo lema, entre os que está o de 'Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista', do movemento 'Galegas 8M'.
No entanto, en determinadas protestas confluirán distintas organizacións convocantes, como a que se celebrará en Cee (A Coruña), ás 12,30 horas, na praza 8 de marzo, convocada polo movemento 'Galegas8M' e a CIG ou as que haberá pola tarde en distintas cidades galegas.
PROTESTAS EN TODA A XORNADA
Nesta xornada, 'Galegas 8M' convocou máis de medio cento de mobilizacións. Ás manifestacións previstas nas principais cidades galegas, sumaranse as mobilizacións convocadas na Estrada, Allariz, Betanzos, Ribadeo, Viveiro, Trabada, Vicedo, Xove, Bueu, Ortigueira, Padrón, Chantada, Lalín ou Poio, entre outros municipios galegos.
Nas cidades galegas, as manifestacións de 'Galegas 8M' desenvolveranse entre as 19,00 e as 20,00 horas. Na Coruña, partirá ás 19,30 horas, do Obelisco; en Ferrol, ás 19,00 horas, desde a praza Amada García; en Santiago, ás 20,00 horas, da praza 8 de marzo; en Lugo, á mesma hora, da chaira da Xunta; en Ourense, da Subdelegación do Goberno ou en Vigo, desde a praza dos Cabalos.
Antes, organizacións sindicais convocaron pola mañá manifestacións e concentracións como as previstas na Coruña, unha ás 11,00 horas, ante o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac); en Pontevedra, ás 13,00 horas na praza da Ferrería ou en Santiago, ás 12,00 horas, na praza do Obradoiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.