A Xunta nega que o modelo de Ferroatlántica sexa de "explotación colonial", pero lamenta o ERTE

Móstrase aliñada coa industria básica, que solicita poxas cunha vixencia superior aos dous anos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2019 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, negou que o modelo de Ferroatlántica sexa de "explotación colonial", como denunciou a deputada do BNG Noa Presas. En calquera caso, lamentou o expediente de regulación de emprego temporal (ERTE) que afecta ao 35% do cadro persoal de Cee-Dumbría e ao 40% do de Sabón en Arteixo (A Coruña) -o impacto será dun 40% da xornada anual efectiva de cada un dos traballadores afectados-.

Na comisión de industria, cuestionado pola valoración desta medida, o director xeral dixo que é "negativa", como "calquera acontecemento que teña un impacto negativo no ámbito social e económico de Galicia". Con todo, cre que a "situación podería resolverse" se houbese "resposta ás demandas continuadas e consolidadas da industria electrointensiva". "Pero non houbo nestes nove meses resposta algunha respecto diso", criticou, en referencia ao Goberno central.

Para Tahoces, "non é moi adecuado" dicir que esta empresa "ten unha explotación colonial", posto que, ao seu xuízo, "está valorizando enerxéticamente recursos naturais de Galicia" e o que ten que facer é "cumprir os condicionantes establecidos".

ALCOA

O responsable de Enerxía tamén falou do contexto que afecta ás electrointensivas, ante as preguntas do deputado de En Marea Pancho Casal. Tahoces díxolle que cre que as "opinións políticas non deberían intervir" á hora de determinar unha poxa de interrumpibilidade que sexa beneficiosa para a industria.

"Nós -subliñou, en alusión á Xunta- estamos aliñados coa industria básica, que está a solicitar poxas cunha vixencia superior aos dous anos", sentenciou. E neste sentido engadiu que está "de acordo en que todos os axentes participen nas poxas" co ánimo de "garantir unha competencia efectiva".

Por último, mostrouse "totalmente de acordo" co parlamentario en que "a transición enerxética debe ser soportada polos orzamentos xerais do estado". "Entendemos que ten que ser unha transición planificada, sustentable e coherente e debe levar unha regulación integral", resolveu.

Protestas en Ferroatlántica
Protestas en Ferroatlántica

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta