O Sergas atribúe a un "erro" a convocatoria dunha praza na que xa se incluía o nome dun aspirante

O BNG cre que estas "irregularidades" son parte dunha estratexia para construír unha "estrutura sanitaria sometida" ao PP e ao seu proceso de "deterioración e privatización" do servizo público

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2019 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

A directora xeral de Recursos Humanos, Margarita Prado, negou "nomeamentos a dedo" na área sanitaria de Santiago, tal como denunciou en comisión parlamentaria o BNG. Atribuíu a un "erro" o feito de que na convocatoria dun posto de xefe de servizo se incorporase o nome e frases en primeira persoa dun dos candidatos.

Margarita Prado asegurou que desde o momento no que a administración tivo coñecemento das circunstancias da convocatoria, que se realizou en outubro de 2018, suspendeuse para analizar e resolvela conforme a dereito. A inclusión no anexo 1 do nome dunha das persoas que se presentarían ao concurso e as súas frases en primeira persoa, con palabras como "considero" ou "na miña opinión" obedecían a "un erro", segundo a directora xeral.

"Non incluía obxectivos persoais, senón liñas de actuacións para o servizo" dun documento, asegurou, que formaba parte dun borrador moito máis amplo sobre unha visión integral dunha área conxunta de cardioloxía e de cirurxía cardiovascular. "Gústelle ou non lle guste, o sucedido foi un erro", remarcou Prado, para logo dicir que entón non procede "falar de escándalos nin máis consecuencias".

A deputada do BNG Montserrat Prado Cores pedira información sobre supostas "irregularidades" na convocatoria da praza de xefe de servizo na EOXI de Santiago, cualificando os feitos como de "auténtico escándalo". "O proceso de deterioración e privatización con Feijóo á cabeza non o podía realizar o PP sen colocar en postos claves a persoas afíns; o obxectivo é unha estrutura sanitaria sometida ás políticas sanitarias do PP, persoas afíns en postos de responsabilidade directa para recortar listas de espera, privatizar, facer de dique de contención fronte a demandas" e facer "de influencers", asegurou.

Na súa intervención, reclamou responsabilidades á xerente da EOXI, "por moi prima que sexa do presidente da Xunta". Ademais, pediu que finalicen os "nomeamentos a dedo camuflados de pseudo convocatoria pública".

Personal sanitario. EUROPA PRESS - Arquivo
Personal sanitario. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta